A Universidade Sénior da Universidade da Coruña vén de ampliar o prazo de inscrición para o alumnado de novo ingreso no programa de Graduado Sénior no Campus de Ferrol. As persoas interesadas poderán realizar a inscrición ata o 31 de xullo para o curso académico 2024-2025, que comezará en outubro.
O programa de Graduado Sénior, dirixido a persoas maiores de 50 anos, ofrece un plan de estudos que se desenvolve ao longo de catro cursos. Cada curso inclúe tres materias: dúas obrigatorias e unha optativa, a seleccionar dun catálogo que abarca disciplinas coma Filosofía, Arte, Socioloxía, Ciencia e Tecnoloxía, Economía, Saúde e Benestar, Literatura, ou Enxeñaría, entre outras. Ademais, o programa inclúe materias destinadas a mellorar competencias lingüísticas e tecnolóxicas, así como a promoción dun envellecemento activo e saudable.
O curso será impartido por profesorado da Universidade da Coruña nas aulas do Edificio de Apoio ao Estudo, situado no Campus de Ferrol. Ofértanse un total de 70 prazas.
Máis información chamando ao 881 013 631 ou ben enviando un correo electrónico a secretaria.senior.ferrol@udc. gal.