A Universidade da Coruña inicia o período de matriculación

O alumnado admitido en cada unha das titulacións de grao da Universidade da Coruña poderá formalizar a súa matrícula desde este mércores 10 e ata o xoves 11 de xullo, no primeiro chamamento, tal e como recolle o calendario de matriculación do curso 24/25.

Para o vindeiro curso académico, a UDC ofertará un total de 3.285 prazas de grao para o novo alumnado, nun total de 54 graos.

Unha oferta que abrangue títulos de todas as áreas de coñecemento. A UDC vén realizando desde hai varios anos un proceso de actualización e incorporación de novas titulacións para facelas máis atractivas e próximas ás necesidades do mercado laboral.

Froito deste proceso, a UDC ofrece dous graos bilingües en inglés, Xestión Industrial da Moda e Relacións Internacionais; oito graos coa opción de cursar diversas materias en inglés, ADE, Enxeñaría Informática, Bioloxía, Arquitectura, Dereito, Relacións Internacionais, Química e Economía;

Asimesmo un grao con formación dual, Enxeñaría Eléctrica, coa realización dun curso nunha empresa; un grao online, Turismo; dous graos abertos, Enxeñaría Industrial e Ciencias Sociais e Xurídicas, nos que o alumnado ten no primeiro curso materias de diversas titulacións para o segundo ano elixir seguir coa carreira que máis lle guste.

Ademais, a UDC ofrece sete dobres graos e catro dobres graos con universidades estranxeiras de referencia, ADE, Dereito, Enxeñaría Informática e Inglés.

Prazos de matrícula

Tal e como se detalla no calendario de matrícula 24/25, entre o 10 e 11 de xullo formalizarase o procedemento na primeira quenda, ao que lle seguirán os seguintes coas vacantes que vaian quedando en cada un dos chamamentos.

Toda a información está en
https://www.udc.es/es/futuros_estudantes/graos/admision/index.html#matricula

Procedemento de bonificación de matrícula

No día de hoxe, coincidindo co inicio do proceso de matrícula, o reitor da UDC, Ricardo Cao, xunto con secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, revisaron, a modo de simulacro, o sistema de matrícula que este ano recollerá a gratuidade para todo o alumnado de novo ingreso, que obterá unha bonificación equivalente ao 99% da matrícula para iniciar os seus estudos universitarios en Galicia.

Para iso, o estudantado deberá cumprir co requisito de ter superado a ABAU nas convocatorias de 2024 ou ben as probas específicas para maiores de entre 25 e 45 anos, organizadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), ou ter superado un ciclo formativo de grao superior no curso 2024.

Lea también

Afundación abre «Simultánea», unha exposición que mostrará 350 obras da súa colección de arte

Afundación, a Obra Social de ABANCA, abre este mércores 9 ao público o proxecto expositivo …