Narahío celebra este sábado a 29ª edición do Festival do Río Castro

O primeiro sábado do mes de xullo está marcado no calendario desde hai varios anos como a data en que, si ou si, hai que ir bota-lo día e parte da noite á beira do río Castro para gozar das actividades e dos concertos do festival organizado pola A.VV. O Castelo de Narahío, en San Sadurniño.

O programa deste 2024 mantén a orde de todos os anteriores, propoñéndonos unha sesión vermú ao mediodía, xogos e un espectáculo para a rapazada pola tarde, deportes rurais á tardiña e música pola noite. Na presente edición, que fai a 29ª, veñen Vai Rañala Meu!, Teatro Ghazafelhos, Tres Pesos, Encrucillada, Os Viqueiras e, pechando a noite, A Requinta da Laxeira. O XXIX Festival do Río Castro conta con financiamento da Deputación da Coruña e tamén coa colaboración do Concello de San Sadurniño.

Esta é a descrición que aparece na páxina web do «mellor festival do mundo mundial», onde xa hai varias semanas que pode consultarse o cartel deseñado por Juanlu Nacha con todo o que vai haber este sábado 6 de xullo no lugar da Bóla, ao pé da ponte medieval da Ferraría.

As merendas empezarán a encher o espazo do festival cara ao mediodía e, a iso das 14:00 horas o grupo da asociación Vai Rañala Meu!, ofrecerá unha pequena sesión vermú que se acompañará cun obradoiro de baile dirixido por Óscar López «Coki».
 
A primeira hora  da tarde a empresa SEDEGA encherá o campo da festa de enredos para a rapazada. O xogo da rá, tirafondas, o aro, zancos… e varios entretementos máis dos de toda a vida estarán dispoñibles para xente miúda e adulta coa finalidade de crear un punto de encontro interxeracional para a transmisión de coñecementos e saberes entre maiores e cativería.
 
Tralos xogos, que estarán ciscados por todo o entorno, chegaralle a vez a Montse Piñón, Jorge Casas e Pepablo Patiño, Teatro Ghazafelhos coa montaxeA illa sen tesouro, ou o que é o mesmo: unha fabulosa aventura de piratas con música, bailes, espadas e toda a acción e participación que se espera do inconfundible trío.
 
No serán -sobre as 18:00 ou 18 :30 horas – desenvolverase un dos momentos máis intensos da xornada cos campionatos de serrado con tronzador e tiro á corda, que desde hai varios festivais se disputan sempre en equipos con paridade de xénero. Os xogos adoitan estirarse ata practicamente o comezo dos concertos nocturnos, previsto para as 22:00 horas.
 
O Castelo de Narahío convidou para a noite, por esta orde a Tres Pesos, Encrucillada -en xira de presentación de «De volta», o seu terceiro disco-, aos ordenses Os Viqueiras e, pechando, a sempre solvente e festeira Requinta da Laxeira

Apoio da Deputación e do Concello

O XXIX Festival do Río Castro conta cun orzamento próximo aos 16.000€, sufragados con fondos da AVV O Castelo de Narahío e con achegas económicas da Deputación da Coruña e do Concello de San Sadurniño. Tamén colaboran a agrupación de Protección Civil de Narón -na coordinación do tráfico e das zonas de aparcadoiro- e unha chea de veciñas e veciños que ceden terreos e que botan unha man na loxística organizativa

Lea también

El conselleiro de Cultura destaca los avances en la candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial

El conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ha destacado el avance en …