Ares consegue 276.525,37€ para a execución de proxectos urbanísticos

A concellaría de Urbanismo de Ares vén de anunciar unha relación co conxunto de subvencións concedidas para a vila de Ares nestas últimas semanas, fortes investimentos de diferentes administracións coma mostra do esforzo continuo que se realiza para procurar melloras de calado dentro da localidade.

Así, o Concello recibirá un total de 276.525,37 euros doutras institucións públicas, que se sumarán a 68.037,07 euros procedentes das arcas municipais para poder executar sobre o territorio 8 proxectos urbanísticos con impacto en camiños, no Parque Rosalía de Castro, no desenvolvemento turístico de Ares e en infraestruturas vencelladas coa memoria do municipio.

De cara a contextualizalas, a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, detallou o que implican estas intervencións para a localidade aresá e os seus importes totais, contabilizando o investimento de Concello e das administracións involucradas.

Dúas actuacións para o parque Rosalía de Castro 

No tocante ao que se materializará no Parque Rosalía de Castro, o principal pulmón verde do núcleo urbano de Ares, Olimpia Marcos explicou “que haberá un proxecto de mellora da accesibilidade centrado na zona do pinar, traballando sobre os sendeiros de acceso e os percorridos dentro da área verde, que conlevará un investimento de 58.574, 91 euros, en consonancia con outros 49.691,51 euros nunha segunda obra centrada no Parque Infantil”.

Neste sentido, a edil de Urbanismo expón que “dende o Concello sabemos que a área infantil está deteriorada polo seu uso constante, e por iso melloraremos paulatinamente os seus accesos, o pavimento arredor dos xogos e a propia infraestrutura de xogos infantís”.

Melloras nos camiños e na calidade de práctica turística 

Centrándose especificamente no tratamento de camiños municipais, producirase unha mellora do pavimento na vía que une Barracido e San Xoán de Piñeiro cun investimento total de 44.404, 22 euros, mais tamén na senda litoral de A Bailadora-Montefaro, na liña do realizado no Camiño de Salgueiras, traballando no firme e implementando mobiliario urbano: bancos novos, papeleiras… supoñendo unha mobilización de fondos de 79.958,34 euros nesta segunda intervención en camiños.

E dentro das subvencións concedidas tamén se contemplan algunhas intimamente vencelladas co eido turístico en Ares co foco na modernización das rutas de sendeirismo activas na vila a través dun proxecto de dixitalización onde se incluirán códigos QR con contidos, baixo un importe total de 18.059 euros. A isto sumarase unha segunda intervención na iluminación ornamental do Mosteiro de Santa Catalina (36.884, 52 euros).

A memoria de Ares, tamén dignificada dende o urbanismo

Dous serán os proxectos que se relacionarán directamente con edificios que afondan na memoria da localidade, dignificada dende o eido cultural, mais tamén urbanístico. Incorporarase un novo peche perimetral de forxa nas Escolas do Lago, substituíndo ao actual en madeira e poñéndose en consonancia coa estética da edificación por un investimento de 31.855,69 euros.

Xunto a isto, haberá unha recuperación dun novo lavadoiro en Ares, o Lavadoiro da Fonte da Tella (25.033,09 euros), da mesma maneira que xa se fixo con outros da contorna municipal e baixo o mesmo motivo: considéranse elementos cun claro interese etnográfico, lugar de encontro para a comunidade ao longo das décadas e xa constituídos como espazos que forman parte da memoria colectiva aresá.

Como peche á sua panorámica, a concelleira de Urbanismo Olimpia Marcos enfatizou “o impulso continuo que realizamos dende o Concello para mellorar a vida diaria dos veciños, neste caso coa obtención de financiamento doutras administracións. Con todo, a maiores deste conxunto de obras, tamén estamos executando xa intervencións na rúa Caramanchón, Mártires e San Xoán; o tramo final da Rúa dos Anxos ou o arreglo do camiño Rega da Fraga, que avanzarán ao longo deste verán”.

Dentro dos 8 proxectos explicitados nesta información, interveñen 4 administracións públicas aparte do propio Concello de Ares, nomeadamente: o Instituto de Estudos do Territorio de Galicia, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a Axencia de Turismo de Galicia e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

Lea también

Apertura de nueva pescadería en la lonja de Barallobre

La Cofradía de Pescadores de Barallobre anuncia con «enorme ilusión» la apertura de su nueva …