335 menores participan nas actividades e campamentos organizados polo Concello de Narón

Un total de 335 menores de entre 3 e 12 anos participan nas diferentes propostas organizadas para este mes de xullo, e nalgúns casos tamén parte de agosto, polo Concello co fin de facilitar a conciliación laboral e familiar dos veciños de Narón.

O Pazo da Cultura, o CRA de Domirón, a Aula Cemit de Xuvia e o centro cívico social do Val acollen ós rapaces que estes días participan nos Campamentos Culturais do Pazo, no programa Conciliaverán e na actividade Informática Divertida, tal e como indicou a alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro.

No Pazo da Cultura cubríronse un total de 210 prazas das ofertadas para as tres quendas, do 1 de xullo ao 9 de agosto. Nesta primeira quenda, que rematará o vindeiro día 12, participan 28 menores de 3 a 5 anos; 30 de 6 a 9 e 15 de 10 a 12.

Todos eles desfrutan no Pazo de actividades como xogos didácticos, sesións de pintura, de cine, construción de instrumentos tradicionais… parte da oferta destes campamentos.

Ademais, todos estes días, esa oferta completarase con lectura de contos, aprendizaxe musical, baile, andainas… A segunda quenda dos Campamentos culturais do Pazo desenvolverase do 15 ao 26 de xullo, e participarán na mesma 27 menores de 3 a 5 anos; 30 de 6 a 9 e 10 de 10 a 12 anos.

A última das quendas será do 29 de xullo ao 9 de agosto e acudirán 26 menores de 3 a 5 anos; 30 de 6 a 9 e 14 de 10 a 12. Na segunda e terceira quenda hai vacantes para menores de 3 a 5 anos e de 10 a 12, podendo inscribirse para a primeira dende mañá ata o 11 de xullo e para a última dende este mércores ata o 24 de xullo, tal e como se informou dende o Padroado da Cultura.

As inscricións deben realizarse de luns a venres de xeito presencial, entre as 8:30 e as 13:30 horas nas oficinas do Pazo da Cultura.

Así mesmo, no CRA de Domirón cubriuse o centenar de prazas para nenos de 3 a 12 anos, que realizan tamén múltiples actividades ao longo da mañá. Actividades de carácter lúdico e educativo, xogos populares, manualidades, dinámicas de animación… formarán parte do día a día das propostas que realizarán dende onte e ata o 9 de agosto, tamén en tres quendas.

Outra das actividades iniciadas é o programa Informática Divertida, para menores de 8 a 12 anos e que encherá este mes a Aula Cemit de Xuvia, ao completarse as 15 prazas dispoñibles, e tamén conta con dez rapaces no centro cívico social do Val, no que se formou un grupo de participantes.

Programación de videoxogos mediante programación de bloques, mecanografía divertida, programación con simuladores de robótica e creación de cómics dixitais forman parte dos contidos que abordarán nas sesións.

As propostas do Consistorio para este ano inclúen a maiores o programa Vémonos, para rapazas e rapaces de entre 13 e 17 anos, que se levará a cabo na Casa da Mocidade do 8 ao 13 de xullo. Actividades como scape room, caiac, karaoke… están entre as propostas desta iniciativa municipal.

Os máis pequenos teñen tamén á súa disposición durante o mes de xullo as instalacións da Ludoteca municipal da Solaina, na que nenos de entre 3 e 12 anos dispoñen dunha ampla oferta de actividades.

“Contamos cunha oferta moi variada para que os menores e as familias dispoñan dunha opción na propia cidade, nalgúns casos de balde, co fin de que poidan conciliar mellor durante parte das vacacións escolares e permitindo ós nenos que desfruten dun tempo de lecer e con propostas tamén didácticas”, destacou a alcaldesa.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …