O edil de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente da Asociación Deportiva Cultural Bombeiros de Narón, Luis García, presentaron a terceira edición do “Trail Costa Ártabra”, que se celebra o vindeiro 15 de setembro na cidade de Narón.
O Concello coorganiza este evento, que será puntuable, tal e como avanzaron dende a organización, para a carreira Ultra Trail de Montblanc (UTMB Index) cuxa final se celebrará en Chamonix (Francia) en 2025.
Aquelas persoas maiores de 18 anos (excepto na andaina que poderán ir menores previa autorización do pai, nai ou titor) interesadas en participar no Trail Costa Ártabra poderán facelo nalgunha das catro modalidades dispoñibles: o trail longo, de 27 quilómetros; o curto, de 14 ou as andainas, unha curta de 8 quilómetros e outra longa de 12.
Esta última é unha das novidades desta edición do evento, tal e como indicou García, explicando que ofrecerá a oportunidade de baixar ata a Pena Lopesa e bordear os acantilados para regresar pola zona da Pena Molexa.
O presidente da Asociación Deportiva Cultural Bombeiros de Narón informou ademais de que todas as modalidades sairán das inmediacións da cooperativa do Val, entre as 9:00 e as 9:45 horas e o remate do evento está previsto para as 13:30 horas.
O prazo de inscrición neste trail abrirá o vindeiro 1 de xullo, debendo tramitalas a través da web: www.rockthesport.com ata o vindeiro 10 de setembro.
En total ofertaranse 300 prazas e haberá trofeos para os tres primeiros clasificados en cada categoría, tanto masculina como feminina, en sénior e veteráns.
Dende o Consistorio indicouse que o seguro non cubre ás persoas maiores de 69 anos, que poderán asistir baixo a súa responsabilidade e coberturas médicas propias.
O edil de Deportes agradeceu á Asociación Deportiva Cultural Bombeiros de Narón o traballo realizado para poder convocar na cidade unha nova edición deste evento deportivo e animou ós veciñas a inscribirse no mesmo, tanto na modalidade máis competitiva como na andaina, para poder desfrutar do deporte e, ao mesmo tempo, da riqueza natural e patrimonial da cidade.