O Concello de Pontedeume participa este sábado 22 de xuño, na feira ‘Primavera no Camiño Inglés’, que se celebrará nesta ocasión na Coruña.
O evento inclúe ao longo de todo o día diversas actividades gastronómicas e culturais, obradoiros para os nenos, baile, música e un mercado de artesanía. Será nos Xardíns de Méndez Núñez entre as 11.00 e as 20.00 horas.
O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, é ademais o presidente da Asociacion de Concellos do Camiño Inglés, que coorganiza a feira coa Deputación da Coruña para poñer en valor este itinerario xacobeo, reunindo aos 18 concellos polos que discorre.
“Desde a nosa chegada ao goberno local no 2015, Pontedeume foi un dos concellos que máis apostou por promover e promocionar o Camiño Inglés e o traballo está a dar os seus froitos”, explica Fernández. “O Camiño ten un elevado impacto económico nos concellos polos que pasa”, engade o alcalde.
A asociación mantivo este ano 2024 reunións e contactos para promocionar o Camiño Inglés en mercados cun elevado potencial, como Canadá e Estados Unidos.