Narón reabre o local da Asociación de Maiores de Santa Icía trala reforma

O local social da Asociación de Maiores de Santa Icía, ubicado na avenida da Solaina, reabrirase este sábado 15 ao mediodía, coa recepción de autoridades e unha visita polo centro ás 14:00 horas, tras uns meses dunhas obras de acondicionamento que supuxeron ao Consistorio un investimento de preto de 260.000 euros, cofinanciados coa administración provincial.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, destacou a intensa actividade que desenvolven estas instalacións ao longo do ano e valorou as melloras realizadas, “que permitirán, se cabe, darlle máis vida a este local tan frecuentado polos nosos veciños”.

O local ten acceso pola avenida da Solaina e a rúa Xaquín Bruquetas, estando ubicado en dous baixos colindantes cunha superficie total duns 400 metros cadrados.

A rexedora local explicou que a maiores de actuacións vencelladas ao mantemento xeral se procedeu a construír unha nova escaleira de dous tramos que permite acceder á entreplanta do local, cunha superficie útil de preto de 140 metros cadrados.

A maiores, indicou, renováronse as instalacións de electricidade, iluminación, ventilación, fontanería e saneamento, substituíronse as carpinterías exteriores de aluminio e as interiores de madeira e tamén os falsos teitos; reparouse e impermeabilizouse a cuberta; mellorouse a accesibilidade adecuando rampas de acceso; renováronse os pavimentos e revestimentos de pintura e ampliáronse os locais da planta alta sobre as saídas á rúa Xaquín Bruquetas mediante un forxado.

Trala reforma, a planta baixa quedará distribuída cun salón de usos múltiples de 150 metros cadrados; unha cafetería de 102 metros cadrados e espazos para terraza, aseos oficinas, un cuarto de instalacións e almacén.

Na entreplanta habilitáronse un local para o obradoiro de informática e outro para o local de ioga, cada un de algo máis de 60 metros cadrados.

“Confiamos en que a obra sexa do agrado de todas as usuarias e usuarios destas instalacións e con ese obxectivo se realizaron as obras”, asegurou Ferreiro, que asegurou que “este investimento permitiu darlle un cambio moi importante e necesario a este espazo”.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …