O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou xunto con Anxo Grandal e Víctor Matesanz, vicepresidente e tesoureiro respectivamente do Club Arco Narón, o “III Trofeo de fin de escolas de tiro con arco” ao aire libre que se celebrará este domingo 16, no campo de fútbol de San Mateo.
A convocatoria reunirá a partir das 9:30 horas e ata o mediodía a máis de medio cento de arqueiros procedentes de nove clubs de toda Galicia.
Os representantes do club local informaron que a maiores dos arqueiros do seu club participarán neste torneo outros dos clubs Arco Ferrol; The Cutarc Team da Coruña; do Cachamuiña de Ourense; de Flechas por un tubo, de Ponteceso; do Seurri de Lugo; do Universitario da Coruña; de Arqueros club de Cambre e do Arco Laracha.
“Os arqueiros, de entre 3 e 60 anos, xogarán en once categorías diferentes”, apuntaron dende o Arco Narón, indicando que entre eles estarán algúns campións da selección galega, algúns deles do Arco Narón, e tamén dúas arqueiras con discapacidade, o que consolida a tan necesaria aposta e impulso ao deporte inclusivo.

A competición será unha das dúas que se realizan ao ano ao aire libre en Galicia, segundo apuntaron, e agárdase que acudan numerosas persoas para animar aos participantes.
O edil de Deportes de Narón destacou o traballo do club Arco Narón e a súa aposta por continuar impulsando o deporte, neste caso o tiro con arco, na cidade.
Santalla valorou o compromiso do club e tamén recordou que próximamente os arqueiros e arqueiras terán á súa disposición o novo campo de tiro con arco de Río do Pozo, unhas instalacións que supuxeron un desembolso duns 400.000 euros.