O Concello de Cedeira denuncia graves retrasos nos controis de pacientes oncolóxicos

Os representantes municipais serán recibidos pola xerente da Área Sanitaria de Ferrol, María Fernanda López Crecente, en data que aínda está pendente de fixar.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, ten solicitado á consellería de Sanidade unha reunión urxente co seu titular, Antonio Gómez Caamaño, e coa xerente da Área Sanitaria de Ferrol, María Fernanda López Crecente, para tratar a preocupante situación que están a sufrir os pacientes oncolóxicos do municipio.

Segundo expón o rexedor no escrito dirixido a Sanidade, as citas para as probas radiolóxicas de control destes doentes están a acumular retrasos de ata catro e cinco meses cando os facultativos establecen que hai que realizalas cada tres.

As persoas afectadas en Cedeira acudiron ao goberno local despois de ter presentado sucesivas reclamacións, tanto dos mesmos doentes como dos propios médicos, que non recibiron como resposta máis que o acuse de recibo e unha sucinta explicación aludindo a que os retrasos se deben ao gran número de exploracións solicitadas e á capacidade actual do servizo.

Coinciden os pacientes en sinalar que os problemas se presentan desde xaneiro pasado, dado que con anterioridade, mesmo durante a pandemia, a atención sempre fóra puntual.

Tal e como explican as persoas afectadas, mentres que o diagnóstico está colapsado, a enfermidade non para. Cómpre recordar que a realización periódica dun TAC é a fórmula precisa para detectar precozmente se existe recurrencia da enfermidade, de maneira que o retraso na realización da proba supón, na práctica, que en moitos casos xa non se poda reaccionar a tempo.

O goberno local de Cedeira remitiu o seu escrito a Sanidade o pasado día 3 e este luns chegou resposta indicando que os representantes municipais serán recibidos pola xerente da Área Sanitaria, María Fernanda López Crecente, en data que aínda está pendente de fixar.

Lea también

Ortigueira presenta un variado programa de actividades para la Navidad

El Concello de Ortigueira ha diseñado una completa agenda de actividades navideñas que promete llenar …