A concelleira de Turismo, Lucía Blanco, presentou na casa consistorial da localidade un dos principais servizos turísticos de Ares no verán.
Trátase das rutas turísticas no barco pesqueiro M. Presas, de titularidade municipal, que dende o 15 de xuño até o 3 de novembro permitirán coñecer o enorme atractivo da costa aresá ao navegar pola ría.
O Tarrafa M. Presas sairá cada sábado e domingo en viaxes de hora e media, tanto de mañá como de tarde, en horarios fixos: de 11:00 a 12:30 horas, de 12:30 a 14:00 h. e, xa de tarde, de 17:00 a 18:30 h. e de 18:30 a 20:00 horas. Durante semana, só operará baixo reserva. Os percorridos terán un prezo de 15 euros para os adultos e 8 euros para os menores.
Con todo, os grupos ou familias que desexen percorrer a ría fóra destes horarios ouxornadas teñen a opción de reservar por un prezo de 120 euros, sempre que non se excedan as 12 persoas e se solicite con polo menos tres días de antelación.
Durante os paseos a bordo do M. Presas, poderanse explorar os principais atractivos de Ares no seu litoral, ollando dende unha perspectiva diferente á cotián o Mourón, o Porto de Redes ou mesmo as Illas das Mirandas, un dos lugares con maior simboloxía e lenda da localidade. Serán todos espazos onde destaquen o mar e a beleza costeira a través dun turismo respectuoso coa contorna marítima.
As persoas interesadas poderán ampliar información e reservar praza nos teléfonos 609 224 223 e 981 468 259 ou acudindo á Oficina de Turismo.
O M. Presas, unha embarcación con historia
Aproveitando o lanzamento de Ares desde o Mar, a concelleira Lucía Blanco enfatizou que “a Tarrafa M. Presas é tamén unha embarcación con historia e directamente relacionada co eido mariñeiro, ao ser un dos barcos tradicionais de pesca doada en 2008 ao Concello por un armador aresán”.
“Por ese pasado pensamos que o M. Presas compaxina ben co desfrute da ría, e animamos tanto a veciños como turistas a ver o municipio dende unha visión diferente, moi apegada ao mar”, salientou Blanco.