O Concello de Cabanas vén de abrir o prazo de solicitude de permiso para a realización de luminarias na praia da Madalena durante a noite do 23 de xuño, coincidindo coa celebración do San Xoán.
Ao igual ca o ano pasado, o Concello de Cabanas autorizará un máximo de 50 luminarias na praia da Madalena para o público xeral, ás cales poderán sumarse unha por cada local de hostalería. No resto de areais do concello non se permite a realización de luminarias.
As persoas interesadas deberán presentar a solicitude de permiso cubrindo a instancia específica, que deberá ser asinada por dúas persoas adultas, e entregada no Rexistro Municipal (presencial ou telematicamente) ata o martes 18 de xuño. A asignación destas luminarias será por estrita orde de rexistro.
As luminarias autorizables terán un tamaño máximo de 2 metros de diámetro e 3 de alto. Ademáis, establécese que estas non se poderán acender antes das 20h, e deberán apagarse ás 02.00h da madrugada. Desde as 05.00h, a praia deberá quedar libre para que se poidan iniciar os traballos de limpeza.
O Concello de Cabanas contará cun dispositivo especial durante a tarde e noite de San Xoán, e habilitará tamén un servizo especial de limpeza na mañá do 24 de xuño para recuperar o uso do areal polo público xeral.