O concelleiro de Medio Ambiente de Narón, Manuel Ramos, desprazouse á parroquia naronesa do Val con motivo da instalación da primeira caseta para morcegos, realizada por alumnado do CIFP Ferrolterra.
O edil naronés recordou que se encargaron medio cento de exemplares, realizados segundo as indicacións ofrecidas dende o departamento de medio ambiente do Consistorio, e avanzou que hoxe, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, comezaron a entregarse no Consistorio a persoas interesadas en instalalas en zonas altas, duns 4 ou 5 metros.
A iniciativa forma parte do proxecto que desenvolve o Concello naronés co obxectivo, entre outros, de favorecer a biodiversidade. No marco do mesmo, o pasado mes de marzo entregáronse unhas 200 casas niño de paxaros a veciños das parroquias do Val e Castro, afectados nos últimos anos por pragas de insectos.
A Asociación Morcegos de Galicia colaborou tamén nesta iniciativa e aos integrantes da mesma, así como ao alumnado e profesorado do CIFP Ferrolterra, agradeceulles Ramos a súa implicación con este proxecto municipal dende o momento no que se lles plantexou.
O edil naronés recordou que no Consistorio está a disposición da veciñanza, na planta de acceso, unha Guía para favorecer o control biolóxico de insectos coas aves insectívoras, editada polo Concello, e na que tamén se recollen recomendacións para limitar o uso de produtos fitosanitarios e as podas en época de crías, entre outros.
Ramos destacou “a importancia de promover este tipo de actuacións, atendendo ao feito de que os morcegos manteñen tamén en equilibrio os ecosistemas nos que habitan e, segundo apuntan numerosos expertos na materia, estes mamíferos teñen un papel fundamental como polinizadores e no control biolóxico de pragas”.