A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas;o alcalde de Valdoviño, Alberto González; e o Xefe da Comandancia da Garda Civil na Coruña, Fernando Pedreira, asinaron este martes 4 no transcurso da reunión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade convocada a tal efecto, o protocolo de adhesión ao sistema VioGen de protección de mulleres vítimas de violencia de xénero.
María Rivas manifestou que é unha prioridade para a subdelegación do Goberno que os concellos entren a formar parte deste sistema de vixilancia e protección das vítimas. “Son as persoas que compoñen as policías locais as que por proximidade e coñecemento, e poden enriquecer e mellorar este servizo, porque sen dúbida é a administración local a que está máis achegada os veciños”.
Coa sinatura do convenio o concello de Valdoviño completa xa os trámites para sumarse aos 22 concellos da provincia da Coruña plenamente integrados no sistema VioGen. Con este novo paso dado na reunión da Xunta Local de Seguridade, Valdoviño é un dos 9 concellos en proceso de incorporación que se materializarán nos vindeiros meses.
A subdelegada e máis o alcalde amosaron a súa satisfacción por este paso en favor da seguridade das mulleres que dan o difícil paso de denunciar a situación de violencia de xénero na que viven. “VioGen é unha ferramenta imprescindible e necesaria para avanzar decididamente na protección das vítimas de violencia machista. A loita contra a violencia de xénero é unha tarefa na que todas as institucións debemos implicarnos ao máximo” remarcou Rivas.
Actualmente na provincia da Coruña son 2.268 as vítimas de violencia de xénero con casos activos. “A nosa prioridade diaria son as 2.268 mulleres que viven na nosa provincia e que precisan da presenza e do coidado policial para sentirse seguras cada día e seguir adiante coas súas vidas, son 2.268 razóns que nos obrigan a seguir traballando para mellorar a súa protección e en moitos casos a de menores ou familiares ao seu cargo. A loita contra a violencia de xénero é unha tarefa á que nos debemos en cada minuto e en cada lugar da provincia”.
Neste sentido, María Rivas fixo un novo chamamento para que os concellos que aínda non forman parte de VioGen se adhiran ao sistema, e así coa implicación e colaboración de tódalas administracións, “podamos continuar avanzando cara a erradicación da violencia contra a mulleres”. Ademais resaltou a importancia de traballar tamén a través das Mesas de Coordinación Interinstitucional, das que actualmente están en funcionamento na provincia da Coruña 39, e convidou ao concello de Valdoviño a constituír e poñer en funcionamento a súa.
VioGen posibilita que a Policía Local dispoña de información sobre os casos activos de violencia machista dentro do municipio, e podan axudar nas labores de seguimento e control dalgúns casos, por norma xeral daqueles que son considerados de risco baixo ou non apreciado. Nos casos que revisten maior risco, é a Garda Civil a que se encarga do seguimento.
A subdelegada puxo tamén en valor as actividades que se desenvolven ao amparo do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e polas que o concello de Sada recibiu dende o ano 2018 un total de 15.777,84 euros. Son un exemplo máis da colaboración entre as distintas institucións nesta materia: “son accións de formación, sensibilización e prevención que se realizan a nivel local, moi necesarias para avanzar na concienciación colectiva”.