FeC solicita acelerar trámites para incrementar a participación nos ingresos do Estado das entidades locais

Ferrol en Común solicitará ao Pleno a través dunha moción, «instar ao Congreso dos Deputados para que acelere os trámites do Proxecto de Lei que permite o incremento do financiamento das entidades locais na Participación nos Ingresos do Estado».

«O pasado 11 de decembro de 2023 tivo lugar unha xuntanza da Comisión Nacional de Administración Local (CNAL), na que se informou ás entidades locais de que no ano 2024 percibirían 28.557 millóns de euros en recursos do sistema de financiamento, unha cifra que é un 22,6% superior á de 2023».

«En canto ás entregas a conta, o conxunto das entidades locais recibiría 23.773 millóns de euros, o que supón un incremento do 5,1% respecto ás entregas de 2023. Pola súa parte, o importe correspondente á liquidación de 2022 alcanza os 4.784 millóns de euros, fronte aos 682 millóns correspondentes á liquidación de 2021, aboada en 2023, segundo informou a propia ministra, María Jesús Montero».

Dende FeC consideramos que «máis aló da necesidade de avanzar no deseño dun novo modelo de financiamento local que recoñeza as competencias que teñen os concellos e amplíe e garanta a prestación de servizos públicos á cidadanía, o acordado na CNAL en decembro de 2023 supón unha moi boa nova para as administracións locais, que poderán con estes recursos en 2024 despregar políticas tan importantes para a cidadanía como son o acceso á vivenda, a mobilidade sostible ou incrementar as medidas sociais»

«No caso de Ferrol, serían case 4 millóns de euros (3.798.973,28€) que virían a aumentar as contas locais e poderían destinarse para multitude de proxectos coma a mellora da accesibilidade e eliminación de barreiras, poñer en marcha os Plans Sociocomunitarios en Recimil e San Pablo, incremento das axudas de benestar social, rehabilitación da Casa do Patín e da Casa de Carvalho Calero ou a segunda fase do mercado de Caranza».

«Sen embargo, a tramitación do Proxecto de Lei que permitiría facer realidade o incremento do financiamento local está a demorarse por falta de vontade política do PSOE, que mantén a Comisión de Facenda conxelada retrasando este debate e aprobación».

«Por todo isto, levamos a este Pleno unha moción coa que queremos instar ao Congreso dos Deputados para que acelere os trámites da aprobación do Proxecto de Lei e cheguen por fin os case 4 millóns de euros á nosa cidade para poder investilos en proxectos que melloren a vida da veciñanza».

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …