O Concello de As Pontes adxudica a sexta fase das obras de mellora de servizos e pavimentos no poboado da Fraga, á empresa Construcciones Leonardo Miguelez S.L
Un proxecto cun orzamento de 162.244,19€, financiado pola Deputación da Coruña, que permitirá a renovación do pavimento das beirarrúas con lastras de formigón recto e a colocación de bordo nos encontros coa estrada mentres que a separación entre a beirarrúa e as zonas verdes realizarase con bordo de xardín, mantendo os criterios estruturais e estéticos das fases anteriores, empregando a mesma tipoloxía de materiais.
Estas actuacións tamén contemplan a substitución do saneamento de augas pluviais por colectores de PVC e a execución das acometidas domiciliarias. Así mesmo procederase á renovación do alumeado público coa colocación de novos báculos e luminarias ao longo da beirarrúa, coa instalación das canalizacións e cabreados necesarios, creándose tamén a canalización para telecomunicacións.
Ademais, entre os traballos previstos, inclúese a instalación de novo mobiliario urbano, bancos e papeleiras, en toda a zona obxecto da intervención.