O Concello de Narón acolle ata o 3 de maio unha exposición sobre saúde mental

A pranta baixa do Concello acolle dende este xoves 18 e ata o vindeiro 3 de maio a exposición “O Concello de Narón coa saúde mental”.

O edil de Sanidade, Manuel Ramos, e a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, visitaron o citado xoves a mostra, composta por sete displays e un photocall, e animaron á cidadanía a achegarse á mesma “para recibir información sobre un tema de vital importancia e que precisa da implicación e do respaldo das administracións e do conxunto da sociedade”.

Nos displays repásanse as cifras nesta materia a nivel nacional, destacando datos como que “unha de cada catro persoas terán un trastorno mental ao longo da súa vida” ou que “o 12,5% de todos os problemas de saúde está representado polos trastornos mentais, unha cifra superior á do cancro e dos problemas cardiovasculares”.

Tamén nestes paneis se comparten unha serie de frases que escoitamos habitualmente sobre estereotipos vencellados á saúde mental e que invitan á reflexión, ofrecendo alternativas para expresarnos correctamente.

Na exposición infórmase sobre como descargar a guía de recursos para a saúde mental editada o pasado ano polo Concello de Narón, con información e recursos de actuación ante problemas de saúde mental.

Lea también

La AVV de Piñeiros Narón convoca una reunión para tratar la mejora de la seguridad vial de la carretera do Feal

  José Francisco Pita presidente de la Asociación Vecinal de Piñeiros expone a través de …