Cedeira tramita axudas para mellora de equipamentos e servizos municipais

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou recentemente a solicitude de varias subvencións, todas dirixidas á mellora de equipamentos e servizos municipais.

Destaca unha destinada ao arranxo de camiños rurais, do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), que ascende a 77.646,7€, á que se suman outras para a compra de libros para a biblioteca, para a mellora da iluminación do Auditorio e para a realización dunha auditoría ao servizo de abastecemento.

En total, a través destes catro programas de subvencións que o Concello vai tramitar diante de diferentes administracións, Cedeira espera obter 101.045,91€.

O proxecto para camiños rurais, que se vai financiar cos fondos Feader ao abeiro do Programa de Desenvolvemento Rural da Agader, vai dirixido á mellora da capa de rodadura de diferentes pistas de titularidade municipal. Concretamente, Cedeira recibe 64,174€ de axudas deste programa, e o Concello aporta o que resta ata cubrir os 77.646,7€ que custa toda a intervención.

Arranxaranse o camiño de Meizoso a Biduido, que chega ao límite con Ortigueira, e o ramal que conecta Meizoso coa DP 2205. Ademais de darlles a estas pistas dúas capas de rego asfáltico, vanse corrixir os bordes do firme á saída da aldea de Meizoso para que a plataforma recupere o seu ancho, e tamén canalizarase un regato na zona da Candocia cunha cuneta formigonada e transitable.

Xunto coa solicitude desta subvención, o goberno local de Cedeira está a tramitar outra axuda de 3.500€ para mercar novos libros e publicacións para a biblioteca municipal -1.500€ para novidades editoriais en galego e o resto, en xeral, para a mellora das coleccións bibliográficas do servizo-.

Tamén solicitouse unha achega de 11.692,84€ á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ao abeiro dun programa para equipamento e mellora das instalacións e locais empregados para a celebración de actividades culturai.

O Concello de Cedeira prevé empregar esta axuda, máis outros 12.170,10€ de fondos municipais, para levar adiante un proxecto de mellora da iluminación e o son no Auditorio Municipal. En total, a actuación ten un orzamento de 23.862,94€.

Por último, o Concello de Cedeira está a tramitar outra axuda, de 8.206,50€, para a realización por parte da empresa Viaqua dunha auditoría do abastecemento de auga, dirixida a minimizar as perdas de auga.

Lea también

Mugardos junto con la asociación ‘Patio Verde’ buscan soluciones urbanísticas para el CEIP Unión Mugardesa

El alcalde de Mugardos mantuvo una reunión de trabajo con representantes de la Asociación Patio …