O Teatro Colón acolleu a gala dos Premios Culturais da Deputación 2023

Teatro Colón da Coruña acolleu este sábado 16 a terceira edición da gala dos Premios Culturais da Deputación da Coruña. Nunha velada conducida pola actriz Sabela Arán e  na que a música a puxeron as bandas Satélite Salitre e Aldaolado, a institución provincial volveu celebrar o talento de quen se fixeron co premio nos certames convocados en 2023; os mais deles, galegos, pero cuxas obras están a acadar recoñecemento en todo o Estado.

Os premiados:

Creadores de moi diversas disciplinas artísticas subiron ao escenario para recoller o seu galardón: César Cequeliños (gañador do XXXV Premio Torrente Ballester de narrativa en galego), Jesús María Antón e Anna Maria Blasco (XXXV Premio Torrente Ballester de narrativa en castelán), Alberto Ramos (XXI Premio Rafael Dieste de teatro), Blanca Paula Rodríguez Garabatos (XIV Premio Manuel Murgüía de ensaio), Paula Mayor e Cristian F. Caruncho (XVIII Premio Castelao de banda deseñada, nas modalidades xeral e LIX, respectivamente), Berio Molina (XVIII Certame de arte Isaac Díaz Pardo), Juan Carlos Escudero (XVIII Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica), Fuco Reyes (XVII Premio Luís Ksado de creación fotográfica), Rafael Fernández Lorenzo (XVI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil), Eduardo Soutullo (XV Premio Andrés Gaos de composición musical), Satélite Salitre (XV Concurso Fran Pérez, Narf, para grupos e artistas musicais) e Luz Fandiño (recollerá o premio Iolanda Aldrei, poeta e  moi amiga de Luz) e a coopertiva A Morada (VII Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, nas categorías de traxectoria e iniciativa, respectivamente).

Recibiron a peza creada, pola escultora Soledad Penalta: un ‘C’ realizado en aceiro que representa o ‘C’ de cultura e o ‘C’ de Coruña, do que terman, na base, siluetas que representan as persoas que sosteñen e que elevan a cultura.

Fixeron entrega dos galardóns o presidente da Deputación, Valentín González Formoso; a deputada de Cultura, Natividade González, e Mercedes Fernández-Albalat, xefa do servizo provincial de Cultura.

 

Os premios culturais da Deputación son posibles grazas ao traballo de preto dun cento de persoas, de diferentes ámbitos, que participan como xurados, comisarios, ou ben integrando as diferentes comisións lectoras.

Lea también

Neda homenajeará a tres de las madres más veteranas de la localidad en su “I Festival Día da Nai”

Neda adelanta a este viernes la celebración del Día de la Madre; Y lo hace con …