O grupo socialista critica a «doble vara de medir» do PP e lamenta que en nove meses non teña solucionado a xestión do centro de maiores de Río Xubia
O Psoe Ferrol expresa a través dun comunicado que «O grupo de goberno do PP vén de demostrar, unha vez máis, que dicía unha cousa na oposición e agora fai a contraria». Esta «doble vara de medir» que denuncia o grupo municipal socialista, a través da concelleira Eva Martínez Montero, refírese nesta ocasión «á denuncia dun grupo de persoas usuarias do centro municipal de maiores de Río Xubia, que hai uns días pechou as súas portas e voltará agora a abrilas porque irá un integrante da Asociación de Veciños do Ensanche A»
«Resulta esperpéntico que o PP de Rey Varela, que durante o noso goberno utilizou o peche deste centro na pandemia e as posteriores dificultades administrativas que se produciron ata que atopamos unha solución para a súa apertura, para acusarnos de non atender ás persoas maiores, non é quen agora, en nove meses, xa non de mellorar a xestión do centro, senón de mantelo como o deixamos en maio de 2024», manifestou Martínez.
A este respecto, a edil subliñou que «nos últimos tempos, dende que as instalacións abriran de novo, despois de que Dignidad, que levaba a concesión do centro municipal, decidira deixala anos antes de que rematara o contrato, dito centro abría de mañá e de tarde, de luns a venres, por parte dun conserxe dun dos programas de contratación do Concello» «Pero, ademais, nos últimos meses se tiña contratado a Andaravía a realización dun amplo programa de actividades para as persoas maiores, tanto físicas e de psicomotricidade, como culturais ou de estimulación cognitiva»
«Despois de ter repetido ata a saciedade o seu compromiso cos noso maiores, o que ten feito nestes nove meses Rey Varela é deixar primeiro a estas persoas sen as actividades no centro e, agora, pechar o centro por non ser quen de resolver o problema de persoal en nove meses», manifestou Martínez, que engadiu que «para poder manter o centro aberto ten que recurrir a unha Asociación de veciños, o que non semella ser o máis indicado para unha administración e un centro de maiores».