Narón celebra a III Feira de antigüidades, coleccionismo e vintage

O Concello de Narón e a Asociación Ferro Vello organizan a terceira edición da “Feira de antigüidades, coleccionismo e vintage” que se celebrará esta fin de semana, o sábado e o domingo, no pavillón da Mocidade, na Gándara.

A concelleira responsable da área de Feiras e Mercados, Mar Gómez, recordou que participarán na convocatoria unha trintena de postos, que exporán e venderán a súa mercancía en horario de mañá e tarde, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00. A entrada é de balde.

Moedas antigas, mobles, libros, discos, apeiros de labranza, artículos de decoración… forman parte dos obxectos que se poderán adquirir nos diferentes postos. Anticuarios e afecionados procedentes de diferentes concellos galegos e tamén doutras comunidades como Asturias, Castela León, País Vasco e Portugal participarán na convocatoria.

Gómez animou á veciñanza a asistir a este evento, que nas súas dúas anteriores edicións tivo unha excelente acollida. “Foron moitas as persoas que se achegaron a ver e mercar os produtos que alí se vendían e tamén nos consta que os responsables dos postos de venda estiveron satisfeitos coa acollida que tiveron, polo que confiamos en que novamente sexa todo un éxito”, asegurou.

Lea también

A música coral de Narón volve á praza de Galicia co concerto de Panxoliñas

A praza de Galicia converterase este luns 22 de decembro nun escenario aberto á música …