O alcalde de Ferrol preside os Premios de Investigación Concepción Arenal, Enxeñeiro Comerma e Alcalde Usero

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu este venres 2, no auditorio do centro cultural Torrente Ballester, a entrega dos Premios de Investigación Concepción Arenal, Enxeñeiro Comerma e Alcalde Usero, das áreas de Ciencias Sociais e Xurídicas, Artes e Humanidades e Ciencias da Saúde, respectivamente, dotados con 10.000 euros cada un.

Nesta convocatoria presentáronse un total de 52 traballos de investigación, dos que resultaron vencedores baixo o criterio do xurado, composto por prestixiosos profesionais das diferentes áreas, un total de cinco traballos.

O premio Concepción Arenal recaeu no traballo El coste social de la soledad no deseada en España, de Bruno Casal Rodríguez, profesor titular da Universidade da Coruña; Evan María Rodríguez Míguez, catedrática da Universidade de Vigo; e Berta Rivera Castiñeira, catedrática da Universidade da Coruña.

O premio Antonio Usero recaeu, ex-aequo, no traballo Los micro ARNs como actores en el desarrollo tumoral, do catedrático da Universidad de Granada Pedro Medina Vico, e en Salud pública y vigilancia epidemiológica de la violencia sexual facilitada por drogas en contextos de fiesta juvenil, realizado polo doutor da Universidad de Alcalá, Pablo Prego Meleiro.

Por último, o premio Enxeñeiro Comerma, é tamén compartido pola licenciada Alba Rodríguez Saavedra, polo traballo A tradución das marxes como reivindicación das mulleres galegas. Elas, as elididas, a través de Ruth Matilda Anderson; e pola doutora da Universidade de Vigo, Yolanda Barriocanal López, con Las reformas arquitectónicas en los monasteiros del Císter de Galicia, tras su ingreso en la congregación de Castilla por el maestro Juan de Cerecedo “El Viejo” y los aparejadores de su círculo.

Rey Varela destacou o currículo dos galardoados, “á altura das personalidades que dan nome a estes premios”, así como a “calidade e nivel de innovación dos seus traballos”. Tamén puxo en valor o traballo investigador, que “require dunha alta capacidade de traballo e sacrificio en prol do beneficio colectivo. Por iso facémosvos chegar a nosa felicitación, agradecemento e recoñecemento ao voso labor”.

Así mesmo, o rexedor fixo un repaso da vida e logros das figuras que dan nome a estes premios, “ilustres e destacadas personalidades sen as que non se entendería Ferrol tal e como hoxe o coñecemos”.

Rey Varela concluíu a súa intervención facendo un chamamento á participación en vindeiras edicións destes galardóns para “contribuír a que Ferrol siga no mapa das cidades que apoian a todos estes profesionais para conseguir avances e, por tanto, unha sociedade mellor”.

Lea también

El centro cívico de Caranza, Ferrol, organiza un campamento infantil durante Semana Santa

La concejalía de Juventud de Ferrol, al frente de la que se encuentra Arán López, …