A Xunta de Goberno Local (XGL) aprobou as bases das actividades de Entroido dos anos 2024 e 2025, que a cidade de Ferrol celebrará os días 12 de febreiro e 3 de marzo respectivamente.
En virtude desta aprobación, os eventos previstos serán o pasarrúas de comparsas e a Gala do Entroido, o festival no que as comparsas desenvolverán a súa capacidade creativa no escenario. Así mesmo, os participantes realización unha animación por rúas tanto durante como despois da gala, se as condicións climatolóxicas son favorables.
Poderán participar no desfile e na gala ata 15 comparsas, formadas cada unha por un mínimo de 16 integrantes. Tamén poderán participar no pasarrúas un máximo de seis grupos que estarán integrados por, polo menos, oito persoas, así como parellas (ata seis parellas) e persoas de xeito individual (ata seis persoas).
Os premios aos que optan as comparsas participantes serán de 700 euros para o primeiro posto, 690 euros para o segundo e 680 para o terceiro; E aquelas comparsas que non acaden ningún destes premios recibirán 670 euros. No que respecta ao resto de participantes, os grupos precibirán 250 euros, as parellas 60 euros e as persoas que participen de xeito individual, 40 euros.
Con respecto ás actuacións, estas non poderán exceder os sete minutos de duración e as letras serán en galego.
O xurado, presente no lugar onde se desenvolva a gala, terá en conta a orixinalidade, a complexidade e dificultade na elaboración dos traxes ou a vistosidade dos mesmos tanto en movemento como parado, entre outros.
O prazo de inscrición será de 10 días naturais desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. O criterio de admisión será a orde de entrada da solicitude de participación no Rexistro Xeral, se ben terán preferencia os participantes que teñan o seu domicilio en Ferrol.