Concello e Club de Golf Campomar organizan o “XVI Torneo de golf Cidade de Narón”

O concelleiro de Deportes do Concello de Narón, Ibán Santalla, presentou este mércores 18 acompañado por Fracisco Castro, presidente do Club de Golf Campomar, a décimo sexta edición do “Torneo de golf Cidade de Narón”.

O evento desenvolverase esta fin de semana, o venres 20 e o sábado 21, no Club de golf Campomar (no lugar de Vilacornelle, na parroquia do Val), e aínda permanece aberto o prazo de inscrición para poder participar.

Na xornada do venres 20 dará comezo o torneo, ás 15.00 horas e o sábado será ás 9.00 e ás 15.00 horas. Disputaranse as modalidades stableford individual e hándicap e haberá dúas categorías, unha ata 18,4 e outra de 18,5. Entregaranse premios ao campión scratch e tamén para os primeiros e segundos clasificados HCP de primeira e segunda categoría e tamén á mellor dama e ao mellor sub-30.

A entrega de premios terá lugar ao rematar o torneo, sobre as 19.30 horas, momento no que tamén se sortearán varios agasallos entre as persoas que participen no mesmo.

O prazo de inscrición pechará este xoves 19 ás 16.00 horas para o xogo do venres e o venres ás 16.00 horas para aqueles interesados en xogar na xornada do sábado. O prezo para participar é de 15 euros para os socios e 35  para o resto de persoas interesadas en xogar.

O presidente do Club de golf Campomar agradeceu “a colaboración sempre tan estreita do Concello de Narón” e incidiu en que a entidade deportiva aposta por “continuar potenciando este torneo pero fundamentalmente o golf, que segue sendo un deporte minoritario e considerado elitista”. Castro destacou a relación do club coa parroquia en xeral e coa asociación veciñal e a cooperativa do Val en particular, asegurando que “entre os nosos obxectivos está tamén a integración do club na socidade naronesa e na comarca de Ferrolterra”.

Finalmente, o concelleiro de Deportes, destacou o traballo que realiza a entidade dende a entrada en funcionamento do campo, no ano 2005, e posteriormente da Casa Club, no 2007. “A través do club de golf Campomar esta cidade incrementa a súa oferta deportiva, con servizos como clases e mesmo unha escola infantil para a práctica desta modalidade deportiva nunhas instalacións moi completas”.

Santalla animou á participación neste torneo, ao que lle desexou “moitas máis edicións e moitos éxitos esta fin de semana e nas vindeiras convocatorias”.

Lea también

Esteiro acoge el Torneo de Baloncesto de Veteranas Ciudad de Ferrol

El concejal de Deportes de Ferrol, Ricardo Aldrey, presentó en la casa consistorial la segunda …