O Belén, última festa estival en San Sadurniño

A festa do Belén, que se celebra no Campo da Feira, ao pé da capela, este venres 22 e o sábado 23 de setembro,  ponlle fin ás citas trouleiras do verán en San Sadurniño. Será cunha verbena o venres e con función e pase nocturno o sábado. No segundo día, ademais, haberá un xantar popular no que aínda poden facerse reservas a través dos teléfonos 630 288 080, 627 207 750 e 697 392 693. O prezo son 25€. 

A institución do Belén é relativamente recente, xa que a capela foi fundada en 1707 por Francisca Ventura de Andrade, primeira marquesa de San Sadurniño, quen vinculou o mantemento do pequeno templo ao patrimonio de quen ostentase o marquesado a partir daquela.

Segundo os testemuños da historiadora Margarita Sánchez Yáñez e do expárroco Javier Martínez, a construción da capela vincúlase coa advocación mariana e cunha tradición común a outras da zona relacionada cos nacementos e a fertilidade, a Capela da O en Pedroso, a da Esperanza en Santa Mariña…. Sánchez Yáñez destaca no seu estudo sobre a historia local que, se cadra, a devoción ten que ver “coa morte de herdeiros e os casos de infertilidade na familia”.

Porén, a historiadora tamén cualifica a elección dos símbolos que se poden ver na construción como “unha acción feminista”, dado que no escudo que preside a fachada só aparecen os motivos heráldicos da liña materna da fundadora.

E despois desta pequena paréntese histórica, que pode ampliarse en Fálame de San Sadurniño, falemos da festa que se celebrará no Campo da Feira, no cruzamento de camiños que hai ao pé da capela. 

O primeiro día, o venres,  só haberá verbena, con New York e o DJ Federato, e o sábado hai programado un xantar popular que comezará despois da misa, fixada para as 13:30h, e da sesión vermú animada polo Dúo Estrellas. O menú está composto por salpicón de rape, carne asada, sobremesa e café. A comida anúnciase no cartel ao prezo de 25€ e os contactos que se facilitan para gardar sitio son o 630 288 080, 627 207 750 e 697 392 693.

O Belén estará ambientado durante a tarde do sábado pola discoteca móbil Supreme, quen volverá para o remate de festa da noite, precedida de novo polo Dúo Estrellas.

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …