O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou onte que “a única forma de derrotar a Feijóo é concentrar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG”.
Guillerme fixo estas declaracións nas Pontes, onde participou nun acto público canda a concelleira pontesa Ana Ramil e os candidatos do BNG pola Coruña Mercedes Tobío, Camilo Nogueira, Fernando Branco e a cabeza de lista, Ana Pontón.
O portavoz nacional do BNG subliñou que “somos máis os que queremos un cambio en Galiza que os que queren que continúe Feijóo”.
Neste sentido, advertiu de que “Feijóo só pode gañar porque non van votar os que queren un cambio ou pola división de voto dos que levan a Galiza e o corazón na esquerda”.
Por iso, subliñou que “a única garantía de que Feijóo abandone Monte Pío é o ascenso do BNG, é concentrar o voto no BNG”.
Ana Pontón: as mentiras de Feijóo poñen tamén en entredito as contas da Xunta
Pola súa banda, a candidata número dous pola Coruña e portavoz parlamentar, Ana Pontón, puxo de manifesto que Feijóo «deixa o país destrozado» e acusouno de lanzar «mentira tras mentira, manipulación tras manipulación». «Temos os exemplos do concurso eólico, do suposto contrato con Pemex, que segue a negarse a ensinar, do dique flotante para o naval… e agora vimos de coñecer que Feijóo falsificou as contas públicas», apuntou. Ana Pontón criticou que Feijóo «ocultou o déficit e seguro que segue a ocultar as contalo no exercicio orzamentario actual». «Deixa a estabilidade da Xunta de Galiza en entredito», engadiu. A candidata nacionalista esixiu que o presidente da Xunta faga públicas as todas as contas e as facturas pendentes de pago.
Ana Pontón chamou o público das Pontes a «non deixarse enganar polas enquisas». Puxo como exemplo o caso de Andalucía, onde os inquéritos lle daban maioría absoluta ao PP. «A enquisa verdadeira é a do 21 de outubro, a mellor enquisa é que o BNG obteña os maiores resultados e isto pasa por concentrar os votos nacionalistas e de esquerdas no BNG», concluíu.