A XXIII Festa Gastronómica do Pemento do Couto celebrarase o vindeiro 9 de xullo

A parroquia do Couto acollerá o vindeiro 9 de xullo unha nova edición, a vixésimo terceira, da Festa Gastronómica do Pemento do Couto. As edís de Festas, Mar Gómez; Turismo, Natalia Hermida, e Cultura, Olga Ameneiro, presentaron este xoves día 29, o evento acompañadas por Marta Vázquez, directora xerente da Cooperativa do Val e o presidente da AVV do Couto, Ramón Couto. O Concello de Narón organiza a convocatoria xunto coa citada cooperativa, a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto e a AVV do Couto.

Dende a organización avanzouse que na xornada previa á degustación, o sábado 8, procederase a realizar ás 19.00 horas no local social do Couto unha demostración culinaria con pementos do Couto. A cita correrá a cargo do xefe de cociña do restaurante Sinxelo, Adrián Pérez, que se encargará de elaborar diferentes elaboracións con este produto, característico da cidade e con Indicación Xeográfica Protexida dende o ano 2010.

Na xornada do domingo 9 de xullo celebrarase a propia festa gastronómica de exaltación do pemento do Couto. A programación da xornada comezará a desenvolverse ás 13.00 horas co tradicional pregón, que este ano correrá a cargo do televisivo cociñeiro Xoanqui Ameixeiras. Unha vez que remate o pregón, sobre as 14.00 horas, dará comezo a degustación gastronómica, cun menú no que non faltarán os pementos do Couto, que se acompañarán de churrasco, cachelos, pan, auga, viño, café ao tizón e sobremesa. Cociñaranse uns 250 quilos, cedidos de balde pola cooperativa do Val para esta festa gastronómica. Os tickets poden adquirirse a prezos populares no Centro Cívico Social do Couto –de 18.00 a 23.00 horas de luns a domingo-, ou chamando ao número de teléfono 981 390 778.

A partir das 16.30 haberá un baile amenizado polo Dúo Aixa e de 17.00 a 19.00 haberá xogos populares na zona da carballeira do Couto, donde se degustará o menú do mediodía nun espazo habilitado con mesas e sillas para os asistentes.

Dende o Concello, a cooperativa e a entidade veciñal animaron ás veciñas e veciños a sumarse a esta festividade gastronómica, unha das máis recoñecidas da cidade, “e a través da que se contribúe á posta en valor do pemento do Couto, un produto moi recoñecido pola súa excelente calidade e típico destas datas estivais”.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …