Aberto ao público o novo estacionamento de Santa Icía con capacidade para uns 250 vehículos

A alcaldesa de Narón , Marián Ferreiro, informou da apertura, hoxe, do estacionamento provisional habitado en Santa Icía (A Solaina), con capacidade para uns 250 vehículos. A rexedora local recordou que se trata dun espazo habilitado nunha parcela de titularidade municipal –o campo do Estrela– e que complementará ao outro estacionamento habilitado na zona, nas inmediacións do CEIP A Solaina.

“Acondicionamos o terreo con xabre e tamén o acceso rodado pola rúa Ourense e a saída pola rúa Pontevedra”, explicou Ferreiro. Así mesmo, apuntou que se trata dunha parcela “moi ben localizada, próxima ás vivendas e a instalacións municipais e que conta con servizo de alumeado, o que supón un valor engadido para este servizo que a partir de hoxe poden utilizar as veciñas e veciños que se acheguen a esta zona da cidade e precisen un espazo de estacionamento”.

A alcaldesa reiterou o agradecemento ao Club de Fútbol Estrella, que dende fai uns meses utiliza para adestrar e xogar os campos de fútbol de San Mateo e O Cadaval e apoiaron esta iniciativa do goberno local para darlle provisionalmente un novo uso á parcela. “Trátase dun proxecto que comprometemos coa veciñanza e que a día de hoxe é unha realidade, poñendo á súa disposición un gran espazo para complementar os restantes estacionamentos de proximidade cos que conta a cidade: os de Xuvia e outro na Solaina, e que se completará cos adxudicados na Gándara e en Piñeiros, parroquia esta última que tamén contará nos vindeiros meses con dous aparcadoiros de proximidade”, apuntou a rexedora local.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …