O BNG de Ares elexiu o primeiro tramo da candidaturas ás municipais

A Asemblea Local do BNG de Ares elexíu hai uns días o primeiro tramo da candidatura ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Acompañarán a Tino Seco –que no seu día fora nomeado candidato á alcaldía- Carmen Brage (actual portavoz municipal) no segundo posto, e o tamén concelleiro Miguel García Paz, que ocupará o número tres da candidatura do BNG. No número catro da candidatura figura Uxía Casteleiro -técnico en coidados auxiliares de enfermaría e técnica en farmacia- ocupando o número cinco Rubén Rey, sociólogo e técnico en economía social.

Este primeiro tramo da candidatura representa, segundo Tino Seco “a combinación da experiencia no traballo municipal coa incorporación de novas persoas –tamén en idade- que evidencian que o BNG de Ares consolida un proceso de renovación e ampliación; que vai tamén permitir avanzar no apoio electoral”. Un proceso que, engadíu “vaise confirmar nos vindeiros días coa conformación da totalidade da candidatura”

Para o candidato á alcaldía polo BNG “os dezaseis anos de goberno do PSOE non supuxeron o cambio transformador polo que a veciñanza apostara fronte ás políticas que levou a cabo o PP. O deseño dun urbanismo que desenvolva de xeito harmónico as potencialidades do noso concello, a xestión eficaz e transparente dos cartos públicos ou o achegamento dos servizos básicos e de calidade a toda a veciñanza seguen a ser a día de hoxe unha asignatura pendente”

Seco engadíu que “Ares precisa dun goberno municipal que teña como prioridade as persoas, as necesidades reais da xente; fronte á simple propaganda. Non se trata de acumular obras ou investimentos –moitos deles, sen perspectiva de uso social- senón de articular un modelo de concello que permita gozar dun nível de vida digno, construindo un Ares igualitario en dereitos e oportunidades; e no acceso de toda a veciñanza aos servizos e necesidades básicas”

Á vista desta situación, o candidato do BNG concluíu que “acreditamos que a veciñanza coincide na idea de que Ares merece máis, e de que é precisa unha mudanza –no fondo e tamén nas formas- da que resulte un goberno municipal que actúe con visión de servizo público e perspectiva de futuro. E o BNG é o garante para que isto sexa unha realidade”

Lea también

Apertura de nueva pescadería en la lonja de Barallobre

La Cofradía de Pescadores de Barallobre anuncia con «enorme ilusión» la apertura de su nueva …