O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol acusou esta mañá ao Presidente da Deputación de A Coruña e ao goberno local de Ferrol de «desprezar á lingua galega» ao excluíla do simposio internacional ‘Apuntando ao Mar’, sobre as defensas costeiras que se celebrará a semana que ven na cidade.
María do Mar López, concelleira do BNG, sinalou que, «unha vez máis, temos que facer fincapé no desleixo á nosa lingua que fan as administracións organizadoras deste evento nomeadamente a presidencia da Deputación de A Coruña e o noso Concello que presta o Teatro Jofre para desenvolvelo e onde comprobamos que a nosa lingua queda só enmarcada no nome da actividade.«
Este simposio internacional ‘Apuntado ao Mar’ ten toda a súa documentación, páxina web, programa e demais só en español. A concelleira nacionalista afirma que «se demostra o complexo dos organizadores xa que parece que a nosa lingua non lles serve para algo que leva a etiqueta de “internacional”. Esquecen que o galego é unha lingua que é máis internacional do que eles pensan e que nos insire no mundo falante galego-portugués. Aínda que non fora así, non debemos desprendernos da nosa lingua as primeiras de cambio xa que os interesados en acudir, asistirían igualmente.«
Considera que «é unha pena non se saiba ver todas as posibilidades da nosa lingua e se acobarden por unha mirada simplista e sen horizontes enmarcada nos complexos e prexuizos lingüísticos cara a nosa lingua.»