O BNG de Ferrol advirte das taxacións obsoletas das propiedades do convenio con Defensa

María do Mar López e Iván Rivas en rolda de prensa | Adán Puentes

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol, logo da publicación no día de hoxe do anuncio de exposición pública do convenio con Defensa e do proxecto de reparcelación do Sánchez Aguilera, alerta de que o goberno local pretende xustificar o pago ao Ministerio de Defensa de máis de 500.000 €, establecidos no convenio «a través dunha taxación dos bens incluídos neste mesmo convenio obsoleta e que non se axusta ao marco xurídico que establece o texto refundido da lei do solo de 2015

Iván Rivas, portavoz do BNG no Concello de Ferrol, afirmou que o «entreguismo de Ángel Mato ao Ministerio de Defensa lévao a tramitar un documento no que a nosa cidade sae perdendo. Vai sendo hora de que na nosa cidade os gobernos locais empecen a traballar na defensa dos intereses dos veciños e veciñas e non da administración central, esixindo a reversión gratuita de terreos e propiedades abandonadas durante décadas.«

O BNG sinala que segundo se recolle literalmente no apartado 2 do art. 34 do Texto Refundido da Lei do Solo de 2015 a valoración de operacións urbanísticas terá que referirse “á data de iniciación do procedemento de aprobación do instrumento que as motive”, é dicir, a aprobación inicial do proxecto de reparcelación.

Un documento «no que se monetiza o 10% de aproveitamento que lle correspondería a administración local, 2,5 millóns de euros, uns importes que non chegarán ás arcas municipais porque o alcalde da cidade pretende compensalos con propiedades incluidas no convenio con Defensa sobre a base dunha taxación feita de parte e no ano 2015 cando deberían referirse a data actual.«

Para o BNG, ademais, na documentación achegada por parte do goberno local «non se aporta ningunha xustificación da taxación desenvolvida por unha das partes, o INVIED, e por tanto estanse a vulnerar os criterios establecidos de maneira taxativa e pormenorizada no TRLS 2015 para proceder á valoración de propiedades urbanísticas

Por todo isto, «e á luz da claridade do marco normativo, sorpréndenos profundamente que por parte do goberno local se acepten como válidas unhas taxacións de hai 7 anos e que non se sometan ao escrutinio da intervención municipal os valores resultantes para determinar a súa adecuación á realidade.»

Sorpréndelles, ademais, «que non só se aceptan acríticamente estes valores por parte do goberno local senón que se lle impide ao resto de veciños e veciñas da cidade desenvolver o traballo de análise e comprobación destes importes ao non incluír a taxación nos documentos de exposición pública, limitándose a acompañar cada unha das propiedades incluídas no convenio dunha cantidade económica, decidida unilateralmente polo Ministerio de Defensa, e das que descoñecemos a súa orixe e xustificación

Por todas estas razóns, o BNG insiste na necesidade de desvincular o convenio con Defensa do proxecto urbanístico para o antigo acuartelamento do Sánchez Aguilera «co obxecto de redefinir ese espazo central da cidade para convertelo nun pulmón verde da cidade mediante a súa recalificación urbanística e integrar a súa parcela no sistema de espazos libres e zonas verdes da cidade.«

Lea también

La Policía Portuaria de Ferrol celebró este jueves la festividad de su Patrón, el Cristo de los Navegantes

La Policía Portuaria de Ferrol celebró en la mañana de este jueves la festividad de …