Nova edición da campaña “Narón gaña co galego”

O Concello de Narón, a través do Servizo de Normalización Lingüística, impulsa unha nova edición da campaña “Narón gaña co galego”.

A edil responsable do citado servizo, Mercedes Taibo, recordou que se trata dunha iniciativa dirixida ao comercio local e co obxectivo de promocionar o uso da lingua galega. “Dende o Consistorio facilitámoslles ós comercios locais recursos e materiais en galego, asesoramento lingüístico e formación de utilidade para os seus negocios, co fin de que impulsen as vendas dos seus produtos e desenvolvan a súa actividade profesional en galego”, explicou.

A campaña Narón gaña co galego suma agora novos recursos, como carteis informativos para indicar que se ofrece atención en galego, carteis de “aberto” e “pechado”, e stickers para empregar a través do Whatsapp. Taibo indicou que as persoas interesadas en recibir o material poden descargalo dos recursos deste proxecto na web: www.naronengalego.gal ou pasar a recollelos impresos no terceiro andar do Concello.

Os stickers da campaña teñen diferentes lemas para empregar coa clientela, como “En que podo axudarche?”, “Moitas grazas por confiar en nós”, “Síntoo, non nos queda”, “Precisas algo máis?”, “Boa elección!!”… e tamén se poden descargar no enlace dos recursos do proxecto a través da web anteriormente indicada e subilos manualmente ó móbil.

Os establecementos da cidade que desexen sumarse a esta campaña poden facelo enviando un correo electrónico ó mail: a.pita@naron.es incluíndo o nome do comercio, o da persoa propietaria do mesmo e un teléfono de contacto. A maiores das iniciativas impulsadas no marco desta campaña os comercios adheridos recibirán información periódica de interese e poderán participar nas accións formativas que se convoquen para o sector, así como recibir recursos e materiais precisos para desenvolver a súa actividade en galego.

A concelleira responsable do Servizo Sociocomunitario Municipal animou ós propietarios dos establecementos comerciais da cidade a adherirse a esta campaña e utilizar os recursos que se ofrecen ó longo do ano.

Lea también

Narón abre inscrición nunha andaina con motivo da Romaría da Virxe da “O”

O Concello de Narón organiza a través do Padroado de Deportes e da Concellería de …