As sesións de ioga programadas dende o Padroado de Deportes de Narón comezarán o vindeiro luns, día 4 de xullo.
As persoas que desexen preinscribrise dispoñen aínda dalgunhas vacantes para estas convocatorias, que terán lugar no parque de Freixeiro os martes e xoves e no de Xuvia os luns e mércores, en ambos casos de 9.00 a 11.00 horas, dúas sesións por xornada dunha hora de duración.
O prezo de inscrición é o establecido na pertinente taxa, regulada pola ordenanza municipal correspondente, de 13,05 euros por persoa ó mes.
A convocatoria, tal e como recordou o edil de Deportes, José Oreona, diríxese a persoas maiores de 16 anos e formaranse grupos dun máximo de quince usuarios, sendo preciso un mínimo de sete inscritos para poder realizala. Será preciso aportar cada participante o seu propio material: colchoneta, esterilla, toalla.
As preinscicións poden realizarse chamando ó número de teléfono 981 337 700 (extensións 2503 ou 2505), de luns a venres en horario de 8.30 a 13.00 e tamén presencialmente nas oficinas do complexo polideportivo da Gándara.