A parroquia de Xuvia acollerá o vindeiro domingo, día 3 de xullo unha nova edición da Alteada, que inclúe a Festa da ameixa rubia.
A edil de Festas, Natalia Hermida, e o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentaron o evento este martes, día 21 de xuño, no Concello xunto con Patricia Romero, vogal da citada asociación.
O paseo marítimo de Xuvia é o lugar no que se desenvolverá esta xornada gastronómica, cun programa que inclúe diferentes propostas que se desevolverán ó longo da tarde. Así o anunciaron dende a organización, indicando que o menú da Alteada, que se comezará a servir ás 15.00 horas, será a base de ameixa rubia mariñeira, cociñaranse cen quilos, churrasco, sobremesa, café e bebidas a prezos populares e de balde para menores de 12 anos.
As persoas interesadas en asistir poden adquirir os boletos do xantar na cafetería da AVV Altea dende o citado martes ou chamando ó número de teléfono 981 393 561. En total venderanse 250 tickets, polo que dende a entidade veciñal destacaron a importancia de, no caso de acudir en grupos, indícalo no momento de mercalos para poder colocar á xente na mesma mesa no caso de que así o desexen, reservando espazos.
Antes do xantar, de 13.00 a 15.00 horas terá lugar a sesión vermú e pola tarde haberá unha festa infantil e de 16.00 a 18.00 xogos tradicionais, para continuar a programación ás 18.00 co músico Paco Nogueiras. Finalmente, ás 19.00 horas será a tradicional festa da escuma.
“É moi importante concienciar á xente dos recursos que temos ó redor e por iso é fundamental a colaboración do Concello, mantendo esta convocatoria”, asegurou Patricia Romero, que destacou a importancia de “manter a ría en bo estado e exaltar o produto local”.
Dende o Concello, destacaron o traballo que a entidade veciñal de Xuvia realiza para retomar esta festa gastronómica e animaron ós veciños de Narón e doutros concellos a acudir á cita gastronómica e tamén ós eventos que de forma paralela se sucederán durante a xornada.