A 1ª fase da senda peonil e ciclista dos paseos Freixeiro e Xuvia estarán rematadas a finais do verán

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Obras, Pablo Mauriz, comprobaron este venres, día 3 de xuño, xunto con persoal da adxudicataria e da dirección de obra, o avance dos traballos da primeira fase da senda peonil e ciclista que enlazará os paseos de Xuvia e Freixeiro.

A actuación supón un investimento duns 580.000 euros e permitirá, tal e como figura no proxecto, recuperar chan urbán para usos públicos amables co medio ambiente e desfrute do entorno da Ría de Ferrol.

A intervención está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 e enmarcado na Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020” e tamén conta cunha aportación da Deputación da Coruña. Ferreiro avanzou que, tal e como indicaron dende a empresa, os traballos desta fase estarán rematados a finais do verán.

As obras en execución, desa primeira fase, lévanse a cabo entre a avenida Conde de Fenosa (Camiño da Veiga) e o muíño de As Aceas. Na zona habilitarase, tal e como recordou Ferreiro, un tramo duns 22.000 metros cadrados paralelo ó cauce do río Freixeiro no que se construirá unha área estancial duns 15.000 metros cadrados con mesas, bancos…

“A adquisición por parte do Concello dos terreos necesarios para acometer estes traballos permitiranos recuperar un tramo natural integrado no núcleo urbán da cidade co fin de poñelo en valor e crear un amplo pulmón verde na cidade”, destacou.

Así mesmo, a rexedora local recalcou que esta intervención “complementarase cunha segunda fase, de similares características e investimento, que permitirá enlazar a través desa senda peonil e ciclista os paseos de Freixeiro e Xuvia”. Esa segunda fase, actualmente tamén en obras, será financiada con cargo a fondos municipais e integrará os traballos previstos entre as rúas Miguel de Cervantes e Conde de Fenosa.

“Confiamos en que á maior brevidade os veciños poidan pasear por esta senda, que en total terá algo máis de tres quilómetros lineais e dúas áreas estanciais que suman uns 20.000 metros cadrados, todo grazas ó esforzo inversor realizado dende o Concello e tamén a fondos europeos e provinciais, que conxuntamente farán realidade un gran proxecto medioambiental e de lecer na cidade”, subliñou a alcaldesa.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …