O Concello das Pontes, con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á figura do escritor Florencio Delgado Gurriarán, porá en marcha, ó longo dos próximos sete días, diferentes actividades para homenaxear ó autor de Valdeorras e así achegar á veciñanza á súa figura e á literatura en lingua galega.
A primeira cita será este sábado, 14 de maio, ás 20:00 horas, no auditorio municipal Cine Alovi co concerto de A Banda da Loba, unhas das formacións máis consolidadas do panorama musical galego actual. Coa poesía e a lingua por bandeira, ofrecerán composicións propias con letras tamén súas ou inspiradas nos poemarios de escritores clásicos e contemporáneos como Rosalía, Celso Emilio, Celia Parra, Andrea Nunes ou Rosalía Fernández Rial, nas que tratan temas importantes para elas coma a diversidade, o ecoloxismo, a memoria ou o feminismo.
Xa a seguinte semana, o mércores, 18 de maio, a partir das 20:00 horas, na Casa Dopeso, Sole Felloza achegará á veciñanza á obra de Florencio Delgado Gurriarán a través do espectáculo Vendimiando Versos
A programación continuará o xoves, 19 maio, ás 18:00 horas, na Casa Dopeso, ó abeiro da iniciativa Xoves na Biblioteca, co espectáculo Elba e Marcos e os xoguetes encantados da compañía Duende Sico.
Unha representación de monicreques na que os xogos e bonecos cobran vida para darlles unha lección a un neno e unha nena que nos queren compartir os seus xoguetes.
Pecharase a programación o venres, 20 de maio, ás 18:00 horas, o salón de actos da Casa Dopeso acollerá a representación Cartoons de Excéntricas Teatro do Adro. Un espectáculo musical e de clowns no que o elenco de actores se serve cartóns que a xente tira e non serven de moito para construír cousas e historias que contar ó público.
Así mesmo, durante toda a semana instalaránse en diferentes locais de hostalería local, puntos de lectura da biblioteca municipal, baixo o lema “Pontes de Lectura”