XXXI Certame Intercentros Concello de Narón

O Pazo da Cultura de Narón acolleu este martes, día 10 de maio, a celebración do acto de entrega de premios do “XXXI Certame Intercentros Concello de Narón”.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, acudiron xunto con outros representantes da corporación local á convocatoria, na que estiveron presentes o inspector de Educación, Santiago Sobrino, preto de 300 escolares de centros de ensino da cidade, en representación do milleiro de alumnas e alumnos que participaron, e persoal docente.

O Consistorio conmemora con este acto o Día das Letras Galegas, que este o ano se adica ó escritor Florencio Delgado Gurriarán. Os CEIP Ponte de Xuvia, Piñeiros, Virxe do Mar, A Solaina, A Gándara, o CPI do Feal, o CRA de Narón e os institutos das Telleiras e Terra de Trasancos participaron nesta convocatoria.

O acto, organizado este ano polo CEIP da Solaina e presentado por alumnado da Escola de Teatro de Narón, deu comezo coa entrega de premios, por parte da alcaldesa, ao alumnado de educación Infantil e Primaria que participou nas modalidades de conto, conto ilustrado e cómic, e cuxos traballos permaneceron expostos no Pazo da Cultura.

A continuación, entregáronse os premios á participación en expresión oral e canción en galego, sendo o inspector de Educación o encargado de entregalos aos gañadores e gañadoras. Houbo tamén premios á participación oral e canción en galego para, a continuación, dar comezo a actuación do Coro Solidarium do IES Terra de Trasancos, integrado por rapaces que cursan ESO e Bacharelato no citado instituto naronés, que interpretaron o tema “Ven a min”.

Trala aplaudida actuación procedeuse á entrega dos premios e accésit ás modalidades de teatro, canción e audiovisual e o do cartel anunciador do certame deste ano, realizado por unha alumna de quinto de Primaria do CEIP A Solaina. O programa continuou cos premios de expresión escrita en educación Secundaria para, posteriormente, actuar o Peque Coro Solidarium do Concello de Narón, do que forman parte escolares de Primaria de centros de ensino da cidade, de entre 6 e 11 anos, que cantaron os temas “Durme, pequeño mar” e “Eu son un peixe”.

Despois da actuación musical a alcaldesa subiu de novo ó escenario para dar as grazas en primeiro lugar ao alumnado que participou no certame, ó inspector de Educación por acompañalos, aó centro organizador, profesorado e ós alumnos da Escola de Teatro de Narón que presentaron o acto e ao Coro Solidarium e o Peque Coro Solidarium por amenizar a convocatoria.

Así mesmo, Ferreiro valorou os traballos realizados polos escolares con motivo do Día das Letras Galegas e animounos a “continuar empregando a nosa lingua con orgullo, por ser un dos sinais propios da nosa identidade”.

Ferreiro recordou tamén os actos organizados polo Concello o 17 de maio na praza da Lectura, ós que convidou a asistir ós rapaces e citounos para a vindeira edición do Certame Intercentros.
Finalmente, un docente do CEIP da Solaina pasou o testemuño a outra profesora do CEIP Virxe do Mar, que será o centro organizador da vindeira edición deste evento, tal e como se anunciou no acto.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …