A concelleira de Benestar Social de Narón, Catalina García, mantivo este mércores, día 4 de maio, unha reunión con Benito Rey e Susana Sebastián, presidente e secretaria, respectivamente, da Asociación Parkinson Ferrol na que analizaron o traballo que realiza a entidade e se estableceu unha vía de colaboración co fin de organizar actividades conxuntas.
García asegurou que “dende o Concello felicitamos á entidade polo seu traballo e queremos tamén facer un chamamento á poboación para que se achegue ás súas instalacións e coñezan as terapias e servizos que alí se ofrecen ás veciñas e veciños da comarca”.
Pola súa banda, o presidente de Parkinson Ferrol agradeceu a acollida do consistorio naronés e incidiu na importancia de dar a coñecer o traballo que realiza a organización na comarca. “O noso obxectivo é chegar a máis usuarios, tendo en conta que hai na área de Ferrolterra medio milleiro de persoas diagnosticadas con parkinson e temos máis dun centenar de socios, entre afectados, familiares e persoas colaboradoras”.
A asociación ten a súa sede nos números 58-64 da estrada de Castela, a donde convidan a acudir ás persoas con parkinson e ás súas familias. García incidiu no gran labor que desenvolve a entidade e comprometeuse a impulsar algún evento a través do que poder dar visibilidade ó colectivo, acordando entre ambas partes a conmemoración do 11 de abril, Día Mundial do Parkinson