Actos conmemorativos do Día Internacional contra o acoso escolar, Narón

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, participaron este luns, día 2 de maio, nos actos organizados con motivo do Día Internacional contra o acoso escolar.

A convocatoria permite visibilizar o traballo realizado nos Obradoiros de convivencia escolar e de Prevención do Acoso Escolar impulsados dende o Concello  de Narón e nos que partipan, dende o pasado mes de outubro, preto de medio milleiro de alumnos de sexto de Primaria e primeiro da ESO de centros de ensino da cidade.

“En Narón levamos catro anos impartindo obradoiros de convivencia escolar e de prevención do acoso escolar, dúas propostas pensadas para rapazas e rapaces e coa finalidade de dar visibilidade a unha grave problemática que lamentablemente existe e para cuxa erradicación temos que traballar conxuntamente”, recalcaou Ferreiro.

Os colexios Virxe do Mar, A Solaina, Jorge Juan, Ponte de Xuvia, A Gándara, O Feal, Santiago Apóstol e o IES das Telleiras celebran o Día Internacional contra o Acoso Escolar cunha actividade na que participou alumnado de cada un destes centros.

Nos propios recintos escolares ou nas súas inmediacións, procederon a colocar unha lona branca coa impresión do cartel gañador do certame de cartelería dixital organizado este ano, baixo o lema “O alumnado de Narón contra o acoso escolar: Día Internacional contra o Acoso Escolar”.

Escolares de primeiro da ESO do CPR Santiago Apóstol foron os gañadores do certame, ó realizar o deseño ao que o xurado outorgou maior puntuación. Nesas lonas as rapazas e rapaces colocaron cintas de cor laranxa, identificativa contra o acoso escolar,  con mensaxes de convivencia e contra o acoso escolar.

Así mesmo, tamén se realizou un concurso sobre a imaxe publicitaria do obradoiro, que gañou alumnado de sexto de Primaria do CEIP da Gándara.

Esa imaxe utilizarase na publicidade dos obradoiros de convivencia escolar e prevención do acoso escolar do vindeiro curso, tal e como indicou Ferreiro.

A alcaldesa e a edil de Ensino colocaron tamén mensaxes contra o acoso escolar co alumnado e entregaron os agasallos destes certames, que consistiron nun punteiro láser, un altofalante Bluetooh e tres libros relacionados co acoso escolar, que se entregaron ós representantes da aula gañadora de cada un destes concursos.

Ferreiro e Taibo felicitaron ao alumnado e ó profesorado polo seu labor e animáronos a denunciar posibles casos e a continuar traballando para acabar con esta grave problemática dende todos os ámbitos e facendo especial fincapé na prevención da violencia escolar.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …