Victoria do Cidade de Narón ante Ribeira

O Cidade de Narón sumou tres novos puntos tras a vitoria conseguida esta xornada en casa ante o Ribeira FS. Os naroneses venceron 4-1 logo de corenta minutos de xogo moi intensos e disputados pero nos que os de Javi Albes estiveron máis acertados en ataque grazas aos goles de Jacobo, Pablo e Iván, que marcou ata en dúas ocasións, e a un traballo defensivo moi serio de todos xogadores amarelos.

O encontro comezou con moita intensidade por parte dos dous equipos pero se cadra foi o Ribeira o que imprimiu un maior ritmo de xogo a través dunha presión moi alta na cancha. Mentres, aos de Narón lles custaba entrar en partido.

Pero co paso dos minutos, o Cidade se asentou na pista e comezou a chegar cada vez máis con maior perigo á portería do Ribeira, que o tentou con tiros exteriores. Aínda así, os primeiros vinte minutos remataban con empate a cero. Unha primeira parte na que as defensas prevaleceron fronte aos ataques e que deixaba como nota negativa a lesión de Fer Combarro, que tiña que ser substituído por Buxía tras recibir un golpe na súa perna dereita.

O segundo tempo arrancou coa mesma intensidade de xogo. Pero se ben o Cidade subiu un peldaño no aspecto físico, o Ribeira baixouno, o que permitiu aos de Narón dispoñer de máis opcións en ataque, de ter maior posesión de balón e de pasar a controlar o partido.

E no ecuador da segunda parte chegou o primeiro tanto do encontro. Un gol que anotou Christian no minuto 29 tras dous rexeites na área naronesa e que poñía aos de Lugo por diante no marcador.

O Cidade redobrou entón a intensidade do xogo e a penas dous minutos despois comezaron a chegar os froitos para os xogadores que adestra Javi Albes. No minuto 31, Iván anotou o empate cun certeiro tiro exterior logo dun bo contraataque. E malia que o Ribeira tentou defender o maior ritmo de xogo dos naroneses, un minuto despois chegou o segundo gol local: boa xogada individual por banda de Rober, que meteu balón ao medio, e Iván anotou de segundas.

Cun Cidade moito máis asentado no partido e un Ribeira que a penas conseguiu xerar ocasións, chegou o terceiro. Corría o minuto 25 de partido e tras unha xogada de estratexia, Jacobo xutaba dende fora e poñía o 3-1 no marcador da Gándara.

Este terceiro tanto obrigou aos de Ribeira a reformular o partido e tras un tempo morto decidiu recorrer ao porteiro-xogador. Unha estratexia que o Narón defendeu ben grazas, entre outros, ao bo facer de Pablo en primeira liña. E malia que o Ribeira tivo as súas para acercarse no marcador, unha vez máis, o acerto de Buxía baixo paos desbaratou as posibilidades dos de Lugo de anotar.

E a falta de catro minutos para finalizar o partido chegou o cuarto e definitivo tanto para os naroneses. Un gol que anotou Pablo desde 30 metros logo dunha recuperación de balón. Ao remate do partido Albes louvou o excelente traballo realizado por todos os xogadores “nun partido moi serio, no que xogamos ben as nosas bazas”.

O vindeiro fin de semana o Cidade se desprazará ata As Somozas para xogar contra O Esteo.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Rober, Iván e Diego. Tamén xogaron Buxía, Brais, Rubén, Pablo e Jacobo.

Ribeira FS: Areñas, Fucho, Quintela, Christian e Jhordan. Tamén xogaron Regueiro, Iker, Rubén, Cisco e Pablo.

Goles: (0-1) min. 29, Quintela; (1-1) min. 31, Iván; (2-1) min. 32, Iván; (3-1) min.35, Jacobo; (4-1) min. 36, Pablo.

Árbitros: Olivier Cardero Rodríguez e Pablo Guntín Garrido (C.T.A. Galego).

Pavillón: CMD A Gándara (Narón).

Lea también

El Baxi Ferrol empieza su segundo camino en la Eurocup este jueves visitando al Benfica

Empieza un nuevo reto en la Eurocup Women para el Baxi Ferrol en esta temporada, …