A Casa da Mocidade de Narón, acollerá o vindeiro 23 de abril a primeira edición da “Convención Cidade de Narón de Defensa Persoal”.
O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou este mércores, día 13 de abril, o evento acompañado por Javier Naveiras, presidente e instrutor do Club Krav Magá Narón e de Pablo Rivera, integrante do citado club local. Oreona explicou que a convocatoria está dirixida a adolescentes e persoas adultas, que participarán na mesma durante unhas catro horas, de 10.00 a 14.00.
O Maestro Cho, Combar Taekwondo Korean, Javier Naveiras, Krav Magá, Javier Santos, Krav Magá Kidu System, Maestro Paolo, Hapkido, e Mikel, Krav Magá e Técnicas Intervención policial, serán os encargados de impartir as sesións, con prazas limitadas e grupos de diferentes niveis.
“Trátase dunha proposta enfocada á defensa persoal, axustada ás persoas que participarán no curso, con grupos de iniciación e outros máis elevados para grupos de seguridade como vixiantes ou policías, en definitiva para que a xente estea a gusto no seu nivel”, indicou Naveiras.
Pola súa banda, Pablo Rivera destacou o nivel das persoas que participarán nesta convención, amosando a confianza do club en o Concello poida organizar unha nova edición en colaboración co club Krav Magá Narón.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse e obter toda a información desta convocatoria a través da web: www.kravmaganaron.es e do correo electrónico: info@kravmaganaron.es