O Concello de Narón retoma a través do Padroado de Deportes o programa municipal “Ponte en ruta con nós”.
A alcaldesa e presidenta do Padroado de Deportes, Marián Ferreiro, e o edil responsable da área, José Oreona, presentaron este luns, día 11, as tres andainas programadas para os meses de abril, maio e xuño, deseñadas para fomentar a práctica do exercicio ó aire libre e pensadas para persoas de todas as idades, debendo ir acompañados os menores de idade dos pais ou titor
Ferreiro avanzou que a primeria das rutas terá lugar este mesmo mes, o día 24. “Paseando por Narón” é a primeira das propostas trala pandemia, cun percorrido de aproximadamente doce quilómetros polo Camiño Inglés, o mosteiro do Couto, a rúa Cornido, a zona da Picota e o parque do Couto, con saída ás 9.30 horas e chegada ó pavillón polideportivo municipal da Gándara, indicou. O prezo para poder asistir é de 5 euros e as persoas interesadas deberán anotarse os días 18, 19 e 20 de abril nas oficinas do Padroado de Deportes (estrada da Gándara, 148), de 8.30 a 13.00 horas.
A segunda cita será o 29 de maio e discurrirá entre “Pena Molexa e Monte da Lagoa”. Nesta ocasión, os camiñantes sairán do Centro Cívico Social do Val ás 9.15 horas, para percorrer a zona da Pena Molexa, Pena Lopesa, o Campo do Avial, o Casal o monte da Lagoa… un tramo duns doce quilómetros. Neste caso, as persoas interesadas en inscribirse deberán facelo os días 23, 24 e 25 de maio nas instalacións do polideporivo da Gándara.
Finalmente, tal e como indicou a alcaldesa, o 26 de xuño realizarase a “Ruta dos muíños”, con saída ás 9.30 horas do mosteiro do Couto, ubicación que será tamén o punto final do percorrido. Ó longo duns 10,5 quilómetros as persoas que acudan camiñarán dende o citado mosteiro ata a área recreativa de Pedroso, dispoñendo de servizo de autobús para trasladalas ao remate da andaina de novo ata o cenobio do Couto.
Os días 17, 20 e 21 de xuño poderán realizarse as inscricións para asistir no pavillón polideportivo da Gándara. “En cada unha destas andainas poderán participar un máximo de 150 persoas”, apuntou Ferreiro, que destacou que “un ano máis apostamos por ofrecer á cidadanía a práctica de deporte nun entorno único para fomentar hábitos saudables e contribuír á erradicación do sedentarismo”
A alcaldesa e o edil de Deportes animaron ós veciños de Narón e tamén doutros concellos a participar nesta nova etapa de andainas e que, tal e como avanzou Ferreiro, “confiamos retomar con total normalidade despois do verán, cun programa anual como viñamos facendo anteriormente”