O Concello de Narón iniciou as obras de execución da plataforma única nas rúas Luis de Góngora e Espronceda, en Freixeiro.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Obras, Pablo Mauriz, visitaron a zona na que se executan os traballos, orzamentados en 277.900 euros. “A implantación da plataforma única nestas dúas rúas da cidade complementa ós traballos xa realizados noutras zonas da cidade, como as Vivendas da Mariña, e permite dinamizar a cidade, dándolle preferencia ós peatóns sobre a circulación motorizada”, explicou Ferreiro.
A intervención, tal e como se contempla no proxecto, aposta pola execución dunha rasante única, na que se prima o espazo peatonal e a uniformidade de niveis, para facer a zona accesible para persoas con mobilidade reducida en dous viais do termo municipal con gran presenza de accesos tanto a edificios como a garaxes.
Os traballos en marcha inclúen itinerarios accesibles máis directos que os actuais, o que implicará desprazaros cruces da rúa e a creación dunha zona peonil de acceso dende o parque de Freixeiro ata un paso de peatóns de nova creación na zona de confluencia das rúas Luis de Góngora e Espronceda.
O proxecto en marcha contempla ademais o reacondicionamento da zona de estacionamento ubicada na confluencia de ambas rúas, nas inmediacións do parque do Río Freixeiro
A execución das obras leva implícito o corte do tráfico rodado nos dous viais mentres se executan as obras, unha medida que está debidamente sinalizada. A actuación contempla a demolición do pavimento e da calzada e, entre outras obras, tamén inclúe a plantación de arbolado nos citados viais, co fin de humanizar este espazo da cidade.