O Concello de Narón recibe o premio Mil Primaveras polo proxecto “Do berce á rúa”

A páxina web municipal “Do berce á rúa” www.dobercearua.gal, impulsada dende o Servizo de Normalización Lingüística de Narón, recibiu o premio Mil Primaveras pola súa implicación na promoción do galego, como mellor proxecto estabilizado.

A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, valorou positivamente este recoñecemento na terceira edición do certame, convocado pola Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua, cuxo fallo se fixo público o luns, día 4 de abril

“Este espazo web, creado no ano 2010, ten unha función lúdica, ao tempo que educativa, e ofrece ás familias que acceden unha gran variedade de recursos en galego pensados para menores de 0 a 6 anos”, explicou Taibo. A oferta é moi variada: contos, vídeos, animacións temáticas, consellos de crianza…e o obxectivo principal é, tal e como recordou a edil naronesa, “buscar a participación das familias nas tarefas de incorporar o galego na comunicación familiar dende o primeiro momento”.

O proxecto serviu tamén de modelo para un programa referente coma o Apego, co que coopera, e a súa presenza na rede soborda os límites do propio municipio. “Achégalle o galego desde o berce” é o lema desta web municipal, que aposta pola participación das familias para incorporar o galego na comunicación dos nenos

A concelleira de Ensino destacou o traballo que se realiza dende o Servizo de Normalización Lingüística de Narón e agradeceu, en nome do Concello, o premio outorgado. Un premio, asegurou, “que é un recoñecemento a ese traballo realizado e tamén á implicación de todas esas familias e persoal de educación que fan uso desta ferramenta web para a crianza en galego”

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …