A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o presidente da Asociación Cultural Musical de Narón “Sementeira”, Francisco Lois Ramos, asinaron este venres, día 1 de abril, no Concello un convenio de colaboración no eido da actividade musical entre o Padroado da Cultura de Narón e a citada asociación. O importe do convenio, en vigor ata finais deste ano, é de 55.500 euros, tal e como se especifica no documento rubricado
En base a este acordo, “Sementeira” impartirá clases de solfexo e instrumentos de vento e percusión do primeiro ao quinto nivel, mantendo a actividade dunha banda de música cun mínimo de trinta e cinco músicos e que realizará unha ducia de concertos ao ano na cidade, en datas a concertar co Consistorio.
O presidente de “Sementeira” agradeceu a colaboración e implicación do Concello de Narón, a través do Padroado da Cultura, coa entidade, valorando o apoio recibido para poder continuar desenvolvendo a súa actividade.
A alcaldesa, pola súa banda, destacou o traballo que realizan cada ano “con persoas de diferentes idades que queren formarse no ámbito musical e aprender a tocar algún instrumento, dispoñendo dunha ampla oferta entre a que elixir en cada caso”. En canto á mesma, están as clases de frauta traveseira, óboe, clarinete, saxofón, fagot, violonchelo, contrabaixo, percusión, trompeta, trompa, trombón, bombardino e tuba.
A asociación “Sementeira” consta dunha Escola de Música e tres agrupacións musicais: A Banda Infantil de Narón, a Xove Banda de Narón e A Banda do Garaxe, a cuxos integrantes felicitou tamén Ferreiro. “É un orgullo poder escoitar ás persoas da cidade e doutros concellos da comarca que forman parte destas agrupacións musicais, que en varias ocasións podemos ver en actos da nosa cidade, representándonos con orgullo e dando o mellor de si”, subliñou a alcaldesa.