O Concello de Ferrol abrirá o próximo luns o prazo de inscrición para que entidades, asociacións e persoas a título particular opten a formar parte do Consello Sectorial de Lingua, cuxo regulamento foi publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o 1 de febreiro de 2021, tal e como anunciou esta mañá a concelleira de Normalización Lingüística, Cristina Prados.
Os aspirantes deberán cumprir determinados requisitos. As entidades cidadás deberán estar debidamente constituídas, rexistradas no Rexistro Municipal de entidades cidadás do Concello de Ferrol e recoller nos seus estatutos que entre as súas prioridades e obxectivos está a defensa da lingua e da súa normalización. O número máximo de colectivos participantes será de 15 e 5 cidadáns, maiores de 16 anos, interesadas a titulo individual.
As entidades e particulares interesados poden atopar toda a información e o modelo de solicitude no Taboleiro de Anuncios do Concello de Ferrol, no enlace https://www.ferrol.gal/Sede/TaboleiroAnuncios. O prazo é de 15 días hábiles desde o día seguinte á publicación da resolución no Taboleiro de Anuncios do Concello de Ferrol.