Mesa redonda organizada con motivo do Festival «Singular»

O Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón acolleu na tarde do xoves, día 10 de marzo, unha mesa redonda sobre “Circulación Internacional de Espectáculos Teatrais”.

A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, estivo presente na convocatoria, e destacou o feito de que “os profesionais e o público que acudiron trasladáronnos moi boas impresións sobre a convocatoria e tamén sobre a rolda de negocios que se celebrou con anterioridade, ambas do programa da sétima edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular».

Na rolda de programadores participaron profesionais nacionais e internacionais da Rede Eurolatinoamericana de Artes Escénicas (Redelae) e tamén compañías galegas, tal e como recordou Ferreiro. “Recibiron no Pazo a representantes de once compañías teatrais galegas, que presentaron os seus proxectos de cara a poder participar en festivais que se celebrarán en Chile, Uruguay, Colombia, Costa Rica, a República Dominicana e Portugal”, explicou a alcaldesa.

“Esta convocatoria é toda unha oportunidade para as compañías galegas, ás que queremos apoiar dende o Padroado da Cultura de Narón para que poidan amosar fóra o excelente traballo que realizan e o elevado nivel que alcanzaron no mundo teatral as persoas que forman parte desas compañías, un nivel que descoñecían algúns programadores internacionais, que recoñeceron estar gratamente sorprendidos do mesmo”, recalcou.

Ó respecto, Ferreiro tamén asegurou que a convocatoria se concibe “como un inicio de contacto entre os programadores nacionais e internacionais para que participen nesas xiras a nivel internacional”. A alcaldesa destacou ademais o feito de que “é a primeira vez que se convoca en Galicia unha rolda de negocios con programadores de diferentes países e representantes de festivais de teatro de tanta relevancia”.

Na mesa redonda sobre “Circulación Internacional de Espectáculos Teatrais” e moderada polo galego Xosé Paulo Rodríguez, participaron Gustavo Zidan (Uruguay), Octavio Arbeláiz (Colombia) e Zaida Sánchez (Costa Rica). A rexedora local explicou que durante a súa intervención desglosaron conceptos vencellados ó mundo do teatro e tamén cuestións prácticas sobre como artellar un proxecto teatral”.

Esta mesma tarde continuará a programación do Festival “Singular” co monólogo protagonizado por Lucía Trentini (Uruguay), titulado “Música para fiambrería-Un policial verde” ás 20.30 horas. A programación continuará mañá coa compañía madrileña Entrecajas Producciones Teatrales, co monólogo “Silencio”, protagonizado pola actriz Blanca Portillo ás 20.00 horas, e o domingo será o turno da obra “A viaxe de Rosalía” a cargo de Larraitz Urruzola ás 18.00 horas no Café Teatro do Pazo.

As entradas para estes espectáculos poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …