Obras de mellora de accesibilidade en viais da zona urbana, Narón

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Obras, Pablo Mauriz, desprazáronse á zona de Amenadás para comprobar o avance das obras de mellora da accesibilidade que se executan en viais da zona.

Ferreiro explicou que os traballos actualmente en execución forman parte dun proxecto que suporá ó Concello de Narón un investimento total de 69.330 euros e que tamén contempla actuacións nas rúas Ferrol e nas Vivendas do Bispo.

Na visita realizada á zona Ferreiro e Mauriz estiveron acompañados por un veciño da zona de Amenadás que valorou a intervención que se está levando a cabo.

En conxunto actuarase nas interseccións dunha vintena de rúas nas zonas das Vivendas do Bispo, Río Masma, Rúa Ferrol e na zona de Amenadás. Esta intervención, xa iniciada en Amenadás, complementa a outras xa executadas na zona urbana “para acondicionar pasos de peóns existentes, facéndoos accesibles ó deixar as beirarrúas na mesma cota da calzada” apuntou Ferreiro.

En función de cada un dos pasos de peatóns sobre os que se proxectaron as actuacións levaranse a cabo uns traballos específicos, co fin de que se axusten os parámetros de accesibilidade e seguridade, tal e como apuntou a alcaldesa.

Ás tarefas de demolición do pavimento orixinal e demolición da calzada en zonas de vados e rampas sumaranse, entre outros, os de formación dunha base de formigón, colocación do pavimento correspondente e pintado do paso de peatóns, tal e como se contempla no proxecto. Os traballos, en conxunto, teñen un prazo de execución dun máximo de dous meses, segundo se especificou no prego de adxudicación dos mesmos.

A rexedora local destacou a importancia de “continuar avanzando na supresión das barreiras arquitectónicas, habilitando itinerarios accesibles para as persoas con problemas de mobilidade reducida ou discapacitadas”. Finalmente, Ferreiro avanzou que “dende o goberno local continuaremos traballando nesta mesma liña, mellorando a accesibilidade do termo municipal, tal e como vimos facendo nos últimos anos con actuacións tanto en espazos públicos como en instalacións municipais”

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …