A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, desprazouse o domingo, día 2 de xaneiro, ó Pazo da Cultura para reunirse co persoal que participa nas xornadas de tecnificación breaking organizadas pola Federación Española de Baile Deportivo.
Ferreiro estivo acompañada pola directora deportiva da FEBD, Araceli Castaño e saudou ós técnicos, preparadores físicos e ós rapaces que participan na convocatoria, que continúa hoxe todo o día no Pazo e rematará mañá ó mediodía.
“É unha satisfacción poder colaborar coa Federación Española de Baile Deportivo para que poidan realizar na cidade estas xornadas de tecnificación nas que participan persoas de Galicia, Asturias… tanto profesionais do breaking a nivel nacional como novas promesas”, asegurou Ferreiro.
Os participantes teñen a oportunidade de ampliar estes días en Narón a súa formación da man de profesionais técnicos e preparadores físicos, cos que realizan a diario unha serie de actividades encamiñadas a mellorar as súas técnicas.
Dende a Federación Española de Baile Deportivo agradeceron públicamente a colaboración do Concello de Narón para poder levar a cabo esta iniciativa nas instalacións do Pazo.