Os microespazos da Cidade dos Agasallos continuarán este domingo, día 2 de xaneiro, no Pazo da Cultura.
As dúas propostas desta xornada serán ás 12.00 horas, co espectáculo “Os ratiños do Nadal”, de Bea Campos, e ás 18.00 horas, con “Estación Nadal”, de Mamá Cabra.
A primeira das citas, “Os ratiños do Nadal”, protagonízana uns pequenos ratiños que non son malos pero queren chamar a atención. Con este motivo, cando todo está preparado para o Nadal, as casas adornadas e a comida preparada, os roedores comezan a rilalo todo. Unha vez que comezan a escoitar contos e cancións todo cambiará e portaranse moito mellor. A narración oral e a música en directo van da man neste espectáculo baseado en varios contos populares.
Pola tarde poderase ver “Estación Nadal”, á que lle canta Mamá Cabra para descubrir unha quinta estación que se suma ó outono, inverno, primaveira e verán. A estación Nadal é a máis divertida do ano porque é tempo de agasallos, cancións, vacacións… Música e baile para que poida disfrutar o público cun amplo repertorio de cancións.